O PP denuncia que “o plan provincial da Deputación de Lugo non se incremente na mesma cantidade que sube o orzamento da institución provincial”

por Redacción Lugo

Ameijide explica que «o que se coñecía como Plan Único conxélase ou baixa para 62 dos 67 Concellos» cando «o orzamento provincial se incrementa en 6M€»

O Grupo Provincial Popular cre que “a mesma cantidade que se incrementou o orzamento da Deputación de Lugo para o 2024 tiña que dirixirse aos municipios a través dunha subida do plan de cooperación cos Concellos da provincia”. O portavoz, Antonio Ameijide, lamentou durante unha rolda de prensa na que participaron os deputados e tamén alcaldes e portavoces de toda a provincia que “a proposta urbanita do Plan Deputación do goberno provincial de PSOE e BNG é pobre e, aínda por riba, inxusta e por iso non o podemos apoiar”. De feito, os deputados do PP abstivéronse na votación.

“O que ata agora se coñecía como Plan Único é pobre porque conxela ou baixa a aportación da Deputación a 62 dos 67 Concellos da provincia (baixa a achega a 34 Concellos, máis da metade dos municipios da provincia) cando o orzamento da Deputación de Lugo se incrementou en preto de 6 M€. O presuposto subiu un 6%, pero o rebautizado como Plan Deputación só se incrementou nun 1%; a pesar de que os Concellos teñen que facer fronte a unha inflación bastante superior”.

O voceiro tamén incide en que “é inxusto porque lles sube a aportación aos 5 Concellos con maior poboación deixando de lado aos concellos pequenos, que son aos que debe apoiar especialmente a institución provincial segundo a  Lei 7/1985 reguladora das bases do réxime local. Porque, incluso entre os restantes 28 aos que lles sube a aportación suman un total de 39.402 € entre todos (1.407 € de media a cada un); mentres que para os 5 máis poboados, curiosamente gobernados por socialistas ou ex socialistas, se lles incrementa 50.000 € a cada un (entre os 5 suman os 250.000 € que incrementa o coñecido como Plan Único)”.

Os populares lamentan que “o goberno provincial de PSOE e BNG se estea a rir dos veciños dos 62 Concellos da provincia” e amose un “claro desprezo polo rural” con un plan provincial “urbanita” ao que lle cambiaron a nome porque “o que lles interesa é a propaganda, tal e como o recoñecen coa súa xustificación do cambio de nome: para que a veciñanza identifique as obras e servizos que financia a institución provincial grazas a este programa”.

Ameijide sinala que “PSOE e BNG son capaces de facer inxusto o que debería ser xusto”. E o peor é que non parece acabar aquí porque a memoria do Plan Deputación avanza que “no vindeiro ano subirán o importe máximo a percibir polos Concellos noutros 50.000 €, é dicir, ata os 600.000 €, o que suporá que se beneficiarán de novo aquelas poboacións máis grandes”. Polo tanto, os deputados provinciais convidan ao goberno provincial a reflexionar antes de “perpetuar no pleno deste martes un novo desprezo á provincia”. 

PROPOSTAS DO PP

O Grupo Provincial Popular ten defendido en varias ocasións un incremento dun 30% para o plan de cooperación cos Concellos, é dicir, uns 6,5M€ aproximadamente “que se poderían financiar cos fondos que o goberno que preside Tomé dirixiu este ano a convenios a dedo antes das eleccións municipais ou cos fondos nos que se incrementou o orzamento provincial para 2024”.

Os deputados populares tamén apostan por “incrementar ata o 90% o adianto deses fondos aos Concellos” tendo en conta que algúns non poderán adiantar a cantidade do total do investimento; e tamén propoñen “permitir destinar parte desta achega para gastos correntes” en función das necesidades de cada entidade local. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario