Katy Varela recorda que estes traballos poderían estar moito máis avanzados se o alcalde asinara o convenio de colaboración coa Consellería de Infraestruturas, que habilitou fondos para que os municipios puidesen renovar a rede de tubaxes
Nos últimos meses son moitos os veciños de Monforte que sufriron numerosos problemas derivados das roturas nas tubaxes das redes de abastecemento e saneamento municipais, unha rede que debería de ser renovada na súa totalidade, “uns traballos que poderían realizarse con maior ritmo e polos que Tomé non se debería de felicitar xa que son a súa competencia”.
A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, recorda que xa no mandato pasado presentamos dúas iniciativas para que o Concello de Monforte asinase coa Consellería de Infraestruturas un convenio de colaboración para aproveitar as axudas destinadas a estes traballos, “pero nada fixo”. “O alcalde di que precisa 10M€ para solucionar este problema, pero non quixo solicitar fondos que si aproveitaron outros concellos co único obxectivo de dicir que a Xunta de Galicia non colabora con Monforte, cando el é o único responsable de vetar os intentos da administración autonómica de achegar fondos ao municipio”, lamentou.
A realidade é que os concellos teñen a obriga de dar un correcto servizo de abastecemento e saneamento, “polo que se está a renovar a rede está a cumprir coa súa obriga, pero a realidade é que o fai de xeito insuficiente, pois tivo opcións de facer moito máis e non quixo”.
A voceira popular pon máis exemplos dos vetos de Tomé á Xunta de Galicia en Monforte. Un caso moi claro é o Porto Seco, que está paralizado polo goberno central xa que para rematar os accesos precísase a colaboración de esta administración, “pero Tomé non lle interesa a colaboración entre ambas administracións e que ningún investimento do goberno galego chegue a Monforte”.
Outro exemplo é a gardaría municipal “na que non se amplían as prazas por non solicitar as axudas que pon a Xunta a disposición dos concellos para este cometido, ou o centro de atención tempera, que tampouco se piden as axudas”