Denuncia o cambio de criterio con respecto aos debates celebrados por medios públicos en anteriores comicios autonómicos
Sumar Galicia, no seu compromiso continuo coa democracia e o pluralismo político, recorrerá a recente decisión de RTVE de excluír a esta formación do debate electoral anunciado para o vindeiro 14 de xaneiro. Esta exclusión prodúcese a pesar da clara directriz da Xunta Electoral Central, que nos recoñece como un «grupo político significativo» segundo a Instrución 1/2015, do 15 de abril, da Xunta Electoral Central, relativa á interpretación do artigo 66 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral.
A Xunta Electoral Central, nas súas instrucións, subliña a importancia do pluralismo, a igualdade e a neutralidade informativa durante os períodos electorais. Especialmente relevante é a consideración de grupos políticos que, como Sumar Galicia, obtiveron un apoio electoral significativo (igual ou superior ao 5% dos votos válidos emitidos) en eleccións recentes. En concreto, Sumar Galicia tivo o pasado 23 de xullo o apoio dun 10,94% dos electores, que se traduciu en dúas deputadas e que representan a 175.813 galegos e galegas no Congreso dos Deputados.
A decisión de RTVE de limitar a súa invitación aos partidos con representación actual no Parlamento de Galicia (PP, PSdeG, BNG) ignora as instrucións da Xunta Electoral Central e compromete os principios democráticos de pluralismo e igualdade. Esta acción vai en contra do dereito dos electores a recibiren unha información completa e diversa sobre todas as opcións políticas significativas no ámbito electoral.
Sumar Galicia esixe a RTVE unha revisión inmediata desta decisión e o seu cumprimento das normativas establecidas pola Xunta Electoral Central. O partido liderado por Marta Lois, candidata á presidencia da Xunta de Galicia, representa unha voz inequivocamente relevante no panorama político de Galicia e a súa exclusión do debate vai en detrimento do dereito dos cidadáns a estaren plenamente informados.