A Xunta de Galicia licita o contrato para actualizar a información relativa á distribución e abundancia de varias especies de flora ameazada na Comunidade, co obxectivo de poder avaliar a tendencia das poboacións destes taxóns.
Dada a necesidade de que estes traballos se leven a cabo por parte de adxudicatarios expertos en cada grupo de especies, o contrato divídese en tres lotes. O primeiro lote ten como obxecto o estudo de fentos de valgada ameazados en diferentes puntos as provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Outro dos lotes analizará a flora ameazada de cantís costeiros, nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal. En concreto, avaliarase a situación da Centaurea borjae e da Crepis novoana, que están consideradas en perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas.
O terceiro lote estudará a flora ameazada de macizos graníticos –Xiphion boissieri, Thymelaea broteriana e Armeria sampaioi– en puntos das catro provincias galegas.