Formoso ve o discurso de Fin de Ano de Rueda «cargado de autocompracencia» e que «nega a realidade» dos problemas dos galegos e das galegas

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG dálle a benvida ao 2024 apostando “por un país mellor nas próximas eleccións autonómicas” cunha Galicia “con máis alegría, máis ilusión, máis moral e máis capacidade” da man de Besteiro

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou hoxe o discurso de Fin de Ano de Rueda “cargado de autocompracencia e que nega as realidades que as galegas e galegos estamos a sufrir cada día”. Criticou a “falla de autocrítica” que contrasta coa realidade das consecuencias das políticas liberais do PP sobre os servizos públicos.

O responsable socialista advertiu que os galegos e galegas teñen que afrontar a noite de Fin de Ano coas Urxencias sanitarias “colapsadas e ateigadas” logo da política de privatizacións, a falla de contratacións de profesionais sanitarios e a “política de desmoralización do persoal”. Comparou a xestión do PP en Galicia coa situación de Andalucía, Castela e León ou Madrid, que ao final “ten que pagar o pobo galego”.

O mesmo pobo, dixo, que ve atónito como o presidente da Xunta segue sen explicar por que pechou 138 colexios en Galicia, e continúa sen dar contas do “gran fracaso” da súa xestión, que supuxo a marcha de máis de 60.000 mozos e mozas para buscar traballo fora da súa terra.

Un país mellor

Formoso apostou por afrontar un 2024 “ben distinto” que permita “un país mellor nas próximas eleccións autonómicas” da man do candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro. Defendeu un proxecto progresista alternativo que abra a “posibilidade dunha Galicia con máis alegría, máis ilusión, máis moral e máis capacidade, e sobre todo con máis convicción nas capacidades do pobo galego”.

Amosouse convencido de que o pobo galego fará esa mesma reflexión “coa confianza e a humildade que o caracteriza”, para que o candidato do PSdeG presida o goberno galego. Puxo como aval a xestión dos alcaldes e alcaldesas socialistas están a gobernar á maioría dos galegos e das galegas dende cidades como Vigo, A Coruña ou Lugo e as vilas medias e pequenas.

Sinalou que os socialistas “mudamos os dereitos a nivel estatal e europeo, estamos a liderar a política a nivel europeo e é o mesmo PSdeG que ten que liderar a política galega nos próximos anos” para mellorar a vida dos galegos e das galegas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario