Converter en ben público este patrimonio emblema do medievo, situado na parroquia cervantega de Vilarello, para a súa conservación, protección e posta en valor como reclamo turístico.O investimento asinado por José Tomé, que se distribuirá en catro anualidades de 225.000€ cada unha -entre o 2023 e o 2026- representa o 94% do custe total do inmoble, mentres que o Concello achegará a contía de 60.000€ restante.
O mandatario provincial destacou que o acordo enmárcase dentro da aposta da Deputación “por preservar o rico e diverso patrimonio da nosa provincia, e por aproveitar eses recursos para potenciar o turismo de calidade e sostible como factor de desenvolvemento social e económico, sobre todo no rural”.
O Presidente puxo en valor as xestións do Alcalde para levar a cabo esta adquisición histórica para o municipio e para todos os veciños e veciñas, pois “permitirá a Cervantes dispoñer dun ben patrimonial emblema dos Ancares, e tamén do conxunto da provincia, como é o Castelo de Doiras, e abrilo ao público promocionando a súa rica historia e o seu valor arquitectónico como un reclamo máis para atraer visitantes a este municipio da Montaña luguesa e toda a súa comarca”.
Pola súa parte, o Alcalde cervantego agradeceu ao Presidente a colaboración económica da institución provincial, “que será fundamental para poder iniciar a tramitación administrativa de compra do inmoble, tralas negociacións realizadas co presidente da Fundación Xosé Soto de Fión, que é a actual propietaria da fortificación”, subliñou Benigno Gómez Tadín. O rexedor engadiu que esta adquisición representa un importante fito para Cervantes, xa que “este castelo, coas súas raíces históricas, reforzará a identidade local e servirá de reclamo patrimonial, xunto a outros de gran interese como as Pallozas de Piornedo, o xacemento da Idade do Ferro do Castro e os valores naturais da alta montaña da Serra dos Ancares”.
Un atractivo histórico
O Castelo de Doiras, tamén coñecido como castelo de Ferreiría, está situado na parroquia de Vilarello, sendo un dos monumento máis característicos da Serra dos Ancares. Considerada desde o ano 1994 como Ben de Interese Cultural dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España, a fortaleza foi levantada no século XV por Diego Pérez Osorio e Guzmán, e domina desde o alto dunha montaña a aldea de Doiras.
Antigamente, o inmoble pertencía á familia lucense Martínez Baladrón. Foi restaurado e conta cunha planta rectangular de 20×10 metros aproximadamente, muros de pezas de lousa de metro e medio de espesor, e cunha altura de oito metros. Tamén dispón dunha esbelta torre de homenaxe no muro sur, cunha altura de dezaséis metros e planta de 10×8 metros cun espesor dos muros que chega aos dous metros.