Prensa FGC
A júnior do XSM e o sub-23 do Supermercados Froiz impuxéronse nas carreiras raíñas. Trece ciclistas conquistaron as camisolas autonómicas en Cambre.
O colofón a unha temporada autonómica de ciclocrós que arrancou en outubro con catro eventos internacionais puxérono este domingo unha júnior e un sub-23 que veñen de competir xunto ás principais figuras mundiais desta modalidade. Lorena Patiño (XSM) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) venceron nas carreiras raíñas e encabezaron a nómina de trece ciclocrosistas que subiron ao máis alto do podio no Campionato de Galicia. A cita celebrada en Cambre serviu para repartir os títulos da Federación Ciclismo Galego (FCG) cinco días antes de que arranque na localidade vasca de Amurrio o Campionato de España.
O décimo quinto e último evento desta campaña de CX na nosa comunidade chegou da man dunha das súas entidades de referencia. O Club Ciclista Cambre volveu exhibir a súa experiencia como organizador e preparou un trazado esixente no circuíto do campo de fútbol Dani Mallo. Os máis de 250 participantes tiveron que xestionar unha dura subida asfaltada, un terreo pesado pola auga caída nos días previos e un sorprendente paso polo interior dun camión. Ademais das quendas competitivas, o XIV Ciclocrós Concello de Cambre incluíu no seu programa a carreira de Promoción para infantís e a Inclusiva para ciclistas con capacidades diferentes.
Logo de despedir o 2023 compartindo grellas de saída con Mathieu Van der Poel, Wout Van Aerte e Thomas Pidcock nas últimas probas do ano en Bélxica e nos Países Baixos, o ponteareán Miguel Rodríguez regresou a casa para conquistar a camisola sub-23 do Campionato de Galicia e impoñerse na clasificación absoluta Elite/Sub-23. De inicio marchouse xunto ao seu novo compañeiro de equipo Anxo Carril, que estreaba as cores do Supermercados Froiz, e co golpe de pedal adquirido na súa xira internacional acabou marchándose en solitario. Rodríguez ergueu os brazos na liña de meta cun tempo de 1 hora 3 minutos e 43 segundos, avantaxando en 1’16 a Carril.
Terceiro e como campión Elite rematou Saúl López (Academia Postal-Maceda), principal beneficiado do infortunio sufrido por Samuel González (Máis Que Bicis). O defensor do título marchaba primeiro entre os corredores da súa categoría cando unha picada, pouco despois de pasar pola zona de boxes, deixouno fóra de combate. A cuarta praza absoluta obtívoa o elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) e os dous podios desta carreira completáronos o sub-23 Héctor García (Highl Level – Gsport) e o elite Xavier Meizoso (Narón), quinto e sexto respectivamente.
O Academia Postal – Maceda logrou outra coroa nos juniors. Alejandro García, o actual campión de España de XCO, ampliou o seu palmarés. Por unha diferenza de 38″ respecto a Martín Díaz (Caimanes Betanzos) apuntouse a carreira xuvenil. O terceiro chanzo do caixón ocupouno Darío Buceta (Compostelano).
Elite/Sub-23 e Júnior feminina
Tampouco deixa de aumentar a colleita de éxitos de Lorena Patiño. A vixente campioa de España cadete de Ciclocrós e de XCO conseguiu o seu primeiro maillot da FCG como xuvenil. Fíxoo ademais dominado a carreira Elite/Sub-23 e Júnior. Do mesmo xeito que Miguel Rodríguez, a marinense reaparecía en Galicia tras compartir escenario coas grandes estrelas do panorama internacional no peche do 2023. O seu ritmo non o puido seguir en Cambre ningunha outra corredora e asinou o triunfo absoluto cun rexistro de 42:54 e 40″ de marxe respecto a Carla Fernández (QuéBici-Marcisport), a nova raíña elite do CX autonómico. Dezanove segundos máis tarde concluíu Laura Mira (Farto), revalidando o título sub-23.
O podio júnior foi idéntico ao da Copa de España desta campaña, con Aroa Otero (Supermercados Froiz) segunda e Marta Estévez (XSM) terceira. Uxía Soto (Supermercados Froiz), sexta na táboa absoluta, colgouse a medalla de prata sub-23 e a seguinte en cruzar a liña de meta Sofía Ramos (Cambre), recibiu a de bronce como recompensa. A continuación, finalizaron as dúas ciclistas que escoltaron a Carla Fernández no caixón, Iria Nieto (Oiense) -subcampioa elite- e María Jesús Barros (Supermercados Froiz).
Cadetes e Masters
Os dous títulos cadetes quedaron na casa. O Cambre festexou como anfitrión a vitoria do seu corredor Lucas Blanco na carreira masculina. O representante do club organizador adiantou na última volta a Pedro Liaño (Caimanes Betanzos) e a terceira posición acadouna ao esprint Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) ante Lucas Lozano (XSM).
Non houbo que agardar tanto para que quedaran definidos os postos do podio nas cadetes. Alejandra Neira (Cambre) adxudicouse a proba con claridade, segunda terminou Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e tamén completou en solitario o percorrido a terceira clasificada Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas).
En canto aos grupos de idade máster, na única categoría feminina Marina González (Illas Cíes) retivo a coroa. A campioa de España máster-40 superou a Montserrat Constenla (San Lázaro) -segunda- e a Rocío Blanco (A Forna). Pola contra, nos homes hai catro novos campións. Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) anotouse o título máster-30, tendo como compañeiros no caixón a Francisco Baña (Compostelano), no segundo chanzo, e a David Seage (SpeedCross), no terceiro. A proba máster-40 estivo chea de alternativas ata que Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) situouse primeiro na última volta e xa non deu opcións aos seus rivais. Alejandro Mesías (CiclosQuintena) rematou a 9″ e Moisés Leboso (G.D.10), a 20″. Eloy Otero (In Situ) rubricou un triunfo incontestable nos máster-50, con Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) segundo e Marcos Vale (Graficas Lar) terceiro. Por último, Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) foi o máis forte nos máster-60, levándose a prata Antonio González (Salvaterra) e o bronce José Manuel González (Academia Postal-Maceda).
A entrega de premios, na que ademais das camisolas autonómicas e das medallas entregouse ao Academia Postal – Maceda o trofeo como mellor equipo da Copa Galicia de Ciclocrós 2023, contou coa presenza como autoridades de Ana Rodríguez; concelleira de Deporte, Xuventude e Educación de Cambre; de Juan Carlos Candal e Daniel Bocija, presidente e vicepresidente do Club Ciclista Cambre; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e de Óscar Sánchez, directivo da FCG.