Este sábado 13, ás 12 horas, nos locais da A.C. Alexandre Bóveda, no primeiro andar do edificio do Círculo de Artesáns na rúa de Santo André, 36, inaugúrase a exposición 40 anos do Carrabouxo.
Coa colaboración das súas entidades federadas da contorna da Coruña, a A.C. Alexandre Bóveda, a A.C. O Facho, a A.V.C.D. e R. Agra e a A.C. Tempo Novo, e despois de se realizar a mostra en Santiago de Compostela da man da A.C. O Galo durante o pasado mes de decembro, a Federación de asociacións culturais galegas Galiza Cultura achega á Coruña este proxecto expositivo desde este vindeiro sábado.
Deste xeito, e coa presenza do propio Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’, a Federación trae até a cidade herculina esta mostra, compilación pormenorizada das viñetas e cadros máis achegados do propio autor e que percorre catro décadas de creación desde o 1982 até 2022, unha por ano, ademais doutros debuxos, tamén de selección propia, que foron aparecendo ao longo destas catro décadas en diferentes medios de comunicación.
Este traballo de selección realizouse minuciosamente, pois logo Xosé Luís González ten publicadas máis de 15.500 viñetas.
Neste percorrido artístico, que tamén vital, o propio Xosé Lois salienta unha idea principal que parte da base da definición do humor gráfico que daba Castelao: «o humor consiste en coller a realidade, esnaquizala en anacos e logo coller un para mostralo», pois O Carrabouxo considera que Castelao segue sendo unha referencia inescusábel.
A mostra é a baixada do pano a unha celebración de catro décadas onde os retallos seleccionados nos achegan ás múltiples imaxes de fitos históricos que aconteceron durante este tempo, vistos aos ollos do Carrabouxo, que na nosa memoria podemos rescatar e contrastalos coas nosas vivencias.
Con todo, a mostra que poderá ser visitada na cidade da Coruña até a sexta feira 16 de febreiro, forma parte das actividades de recoñecemento que está a realizar ao longo do país a Federación Galiza Cultura á traxectoria de Xosé Lois González, un dos referentes artísticos contemporáneos máis destacados e populares e que, precisamente, en 2022 tivo de aniversario á súa creación máis icónica.
A itinerancia da exposición fará que outras localidade poidan, tamén, gozar destes cadros e debuxos nos vindeiros meses en datas que serán debidamente comunicadas.
Por último sinalar que esta actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área de Cultura da Deputación da Coruña e conta coa colaboración da Deputación de Ourense.