O Alcalde en Funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, insistiu no seu compromiso coa celebración de eventos culturais para todos os públicos nos distintos espazos dispoñibles na cidade, unha oferta variada que considera «fundamental» xa que «sitúa a Lugo no mapa das persoas que buscan un lugar con opcións de ocio e entretemento».
Rubén Arroxo lembrou que «dende o Goberno continuamos coa nosa aposta firme pola realización de actividades culturais de calidade demostrada a nivel galego, estatal e internacional» . Unha realidade reflectida nos bos resultados de asistencia acadados cada ano e que «manteñen viva culturalmente a cidade durante os dous semestres de programación», afirmou o Alcalde en Funcións.
Esta programación cultural inclúe actividades de todo tipo durante a maioría dos días da semana. Concertos, teatros, presentacións de libros, exposicións, ou faladoiros que, segundo Arroxo, «permiten á veciñanza de todas as idades adentrarse e coñecer o mundo da cultura e de todas as súas ramas».
Un exemplo disto, explicou o Alcalde en Funcións, é a celebración da Gala Solidaria con Palestina no Auditorio Municipal, un evento que «permite coñecer e amosar o rechazo da veciñanza e do Goberno de Lugo fronte ao xenocidio que está a vivir o pobo palestino, á vez que podemos aportar unha pequena axuda directa a través da entrada solidaria».