Esta presentación e debate auspiciada por nais e pais, docentes e ecoloxistas pretenden abrir unha reflexión na comunidade educativa sobre a revolución dixital publicitada como «verde», inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel, na liña xa iniciada en diferentes centros de ensino (en Sanxenxo, Vilagarcia, O Grove e Vigo) a petición de sus equipos directivos.
Contan como relatores a Xulio Carmona, coordinador da área de dixitalización e contaminación electromagnética de Ecoloxistas en Acción, e de Menchu Outón, veterana docente da escola pública, ambos dentro da autoría colectiva da guía escolar sobre usos dixitais que repartirán aos asistentes.
Neste debate proponse identificar os distintos mitos tecnolóxicos instaurados nun proceso desregulado de hiperdixitalización. Mostrarán o coñecemento científico actual sobre as consecuencias coñecidas do tempo de uso de pantallas e do seu inicio precoz, asociados a alteracións da saúde mental e física, así como as súas implicacións negativas no desenvolvemento cerebral e do ámbito académico e da aprendizaxe.
Abordarán igualmente a «presencia importante» en «idades temperás» de condutas aditivas relacionadas coas TIC. Darán voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital. Tácticas como as denuncias actuais de fiscais de 42 estados distintos de Norte América a META (Facebook, Instagram), por poñer en risco a saúde mental de nenas, nenos e rapazada, de forma premeditada.
Darán visibilidade aos inasumíbeis costes das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como a denunciada por organizacións de dereitos humanos pola captación xeneralizada de datos do alumnado.
Mostrarán exemplos das diferentes medidas proteccionistas que se están levando na actualidade para evitar a distracción dixital e mellorar a atención na aula, así como das distintas experiencias de nais e pais cara a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores.