O Partido Galego desminte a suposta coalición con Espazo Común Galeguista

por Redacción Galicia

1.- O Partido Galego celebrou unha reunión do seu Consello Nacional o pasado sábado 13 de xaneiro no Concello de Carballo, na que tomou entre outros o acordo de NON CONCORRENCIA ás Eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024.

Nesta reunión estivo presente o Sr. Xosé Mosquera, como se pode apreciar na foto parcial da reunión. En ningún momento, o señor Mosquera dou conta de conversas nin formalizou propostas de acordo de coalición con Espazo Común Galeguista (E.C.G).

2.- O día 14 de xaneiro, saíu publicado en varios medios de comunicación escritos e dixitais o acordo do CN do día anterior. Así mesmo o PG publicou na súa web un artigo específico sobre o acordo principal do CN de NON CONCORRENCIA a estas eleccións cun argumentario engadido. Esta publicación foi difundida a través das redes sociais propias do PG e a toda a afiliación e simpatizantes a través das listas de difusión internas.

3.-  A representación legal para asinar calquera tipo de acordo en nome do Partido Galego, está en poder da Secretaría de Coordinación Xeral. Por este motivo, a utilización da sinatura legal para formalizar esta coalición, máis alá do incumprimento do acordo político, suporía a falsificación da representación por persoas non autorizadas e podería ser susceptible de delito.

4.- Se non se empregou a sinatura legal para formalizar a coalición anunciada na prensa e publicada no DOG do día 17 de xaneiro, en concreto a candidatura presentada por Ourense, na que aparece o señor Mosquera e outras tres persoas que non son afiliadas e por tanto sen acreditación ningunha do partido; estas persoas quedarán á expensas das consecuencias legais que procedan de non seren corrixidas as referencias ao Partido Galego desa publicación, no mesmo DOG, antes da publicación definitiva das candidaturas.

5.- Os que asinamos, queremos comunicar publicamente o estupor dos membros do CN presentes na reunión de Carballo e dos membros da Executiva Nacional (actual Comisión Xestora), por esta situación excepcional que nos obriga, non só a desautorizar ao señor Mosquera publicamente, senón tamén a tomar as medidas oportunas nos vindeiros días sobre a súa situación a nivel interno do partido.

Asdo. Os membros da Executiva Nacional (actual Comisión Xestora), en representación do Consello Nacional do Partido Galego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
2 Comments