Lonxe de ser monárquica nin celebrar o papel desas mulleres floreiro e submisas que apeitugan con todo (incluidas as públicas e notorias infidelidades maritais como as de súa sogra ou a recén coroada Mary Donaldson en Dinamarca) o que está acontencendo coa raíña Letizia por parte dunha dun sector de prensa antaño cortesán e hoxe crítica pola súa falla de sangue azul e pasado plebeio, é algo que só sofren as mulleres. A violencia misóxina e machista non entende de rangos nin máis poder que o de destruír a quen ouse levarlles a contraria ou amosar indiferencia ante os reiterados ataques mediáticos.
Nunha onda de solidariedade en redes, Letizia recibe o apoio de xente anónima e de a pé, esa que vive sen privilexios nin soldo vitalicio por figurar e nacer cun determinado apelido, pero acostumada ás inxustizias e a ter que defenderse delas con demasiada frecuencia. Un amparo que non lle presta nin o seu propio home, o mesmo que saira en tromba na televisión a criminalizar ao pobo catalán porque querían romper España e foron -e son, aí está o xuíz García Castellón para seguir co relato- elevados á categoría de terroristas por facer unha votación simbólica, mentres as vítimas do machismo que este ano pasado acadaron cifras de puro terror, non mereceron nunca unha audiencia televisada en hora punta para pedir que cesasen esas violencias contra mulleres e, en demasiados casos tamén, os seus fillos e fillas. Iso non é unha ameaza para a unidade de España nin o seu estatus de Xefe de opereta, nin sequera cando un xornalista imputa á súa muller non ser a nai das fillas que teñen en común ante todo aquel que queira escoitalo. Ou que a acuse duns amoríos que non teñen máis proba que a voz dun home resentido desposto a aproveitar un pasado en común, algo que soe chamarse chantaxe pero que neses mundos de alta alcurnia prefiren nomear coma unha «deslealdade». Porque iso é a monarquía, puro eufemismo e fachada, manter as distancias, estar por enriba e non enlamarse nas teimas terreais da plebe. Pero finalmente é esa plebe á que acaba salvando a unha muller que por moita coroa que leve, está máis soa que a mairía de nós.