Un día menos para saber quen será o inquilino da Xunta, as espadas están en todo o alto, seremos os galegos quen decidamos se o inqulino/na será un home ou unha muller. Segundo as enquisas, un parlamentario pode ser decisivo para que a balanza inclínese a un ou outro lado. A partir de mañá acentuaranse os insultos e non as propostas razoadas, todos contra Rueda, a «crise dos pelets» xa non dá máis de si, os únicos que a padeceron e padecen de verdade son as persoas que viven da mar, son os únicos damnificados, devaluando o seu traballo, aproveitado polos pillos para baixar o prezo do peixe, aducindo que as redes sociais e os políticos que «saben» din que é malo para a saúde, aínda que Besteiro xa cambiou o seu discurso, agora recomenda comer peixe
Rueda está cómodo sabedor que as Confrarías na súa maioría son do PP os cales cren que «cando hai e goberna o PP» saen beneficiados na repartición de premios». A información confusa e nesgada que reciben os Patróns Maiores das Confrarías, fai o resto. Todos cren que Villares «está de paso» no seu cargo, pero está a demostrar que aprende rápido e podería sorprender a moitos. Ao irse para Madrid a señora Quintana algúns enxalzaban a súa figura como que era unha persoa que de pesca en Galicia «sabíao todo». Non sabemos en que se fundamentaban esas opinións porque mentres Irlanda preparaba os seus barcos e capturas, aquí seguiamos esquilmando o Norte de Europa coa frota de arrastre mais potente do mundo e cando as cotas de pesca non chegaban establecíanse acordos con terceiros Países (que pagaba Europa), para favorecer a España.
Pontón é unha persoa intelixente, no canto de ir de praia en praia facendo o percorrido fotográfico, como fixo a vicepresidenta do Goberno de España, Yolada Díaz, acode a escoitar os problemas reais dos galegos, tanto do interior como da costa. Poderá ser ou non a primeira presidenta da Xunta, capacidade política ten máis que demostrado. Escapa dos teatros mediáticos, é firme nas súas conviccións e serán os galegos os que dirán se o 18F logrou convencelos e proclámana presidenta.
Os asesores de imaxe do PSG-PSOE adoecen de formación e por iso presentan a Besteiro como un experto «dietista» que dimensiona as necesidades de calorías nos nenos (dos comedores escolares) de idade temperá. É un intruso en toda regra. Existen programas de alimentación para os colexios e escolas que son programados por profesionais e agora chega Gómez Besteiro reprogramando a cuestión e dándolles un prato de peixe 3 veces á semana.
Próximo o Entroido, Jácome ao que lle gusta tanto disfrazarse, podería elixir o disfrace de «papones» das Confrarías de Semana Santa (sen carapucha)e coas mans cheas de bolitas de plástico (das que observaba case con lupa, na praia) para saír nos medios cale Nazareno, vituperado inxustamente pola plebe e as ordas «peperas de Ourense». Montouse o circo mediático electoral, a Ourense non chegan as bolitas para pena do Sr. Alcalde, aínda que como ben di, espera conseguir mareas de votos para ser o arbitro do novo goberno da Xunta.