O PP propón a creación, sinalización e promoción dunha Ruta do Románico de Sarria

por Redacción Lugo

O Grupo Municipal do PP propón a creación, sinalización e promoción dunha Ruta do Románico de Sarria, como medida e acción para a diversificación e desestacionalización do turismo e a posta en valor do patrimonio do municipio e, de forma concreta, do arte románico e arquitectura románica que se atopan nas distintas parroquias e núcleos que integran o Concello de Sarria.

Os concelleiros defenderán no vindeiro pleno que esta medida, á que xa se comprometera o Partido Popular na campaña electoral das pasadas municipais, contribuirá a “atraer visitas” ampliando a temporada na que, actualmente, se concentra o turismo en Sarria “ofrecendo aos visitantes outro atractivo máis”.

Esta medida tamén favorecería, segundo destaca a portavoz, Carmen José López, que “os miles de visitantes que escollen Sarria para iniciar o Camiño de Santiago amplíen os días da súa estancia para coñecer o importante patrimonio histórico, natural, cultural e paisaxístico deste territorio”. Nese sentido, tamén “permitiría estender a repercusión turística que ten o Camiño Francés para a vila a máis núcleos e áreas do municipio, ao visibilizar e promocionar tamén con esta ruta o románico rural”.

A ruta xacobea converteuse no camiño de peregrinación máis importante de occidente e nunha vía de expansión e difusión para o coñecemento que conectou este territorio con Europa e desde alí co resto do mundo. Esta conexión trouxo tamén como consecuencia a oportunidade para a nosa cultura e para a nosa arquitectura de ser influenciada por distintas tendencias e formas de facer.

“A arquitectura e arte románica son probablemente un dos principais exemplos, no Camiño de Santiago Francés”, explica López, que incide en que “esta corrente artística dos séculos XI, XII e parte do XIII salpicou Sarria de multitude de construcións que son testemuñas da nosa historia e que teñen un importante potencial turístico”.

Polo tanto, “o Camiño de Santiago trouxo a Sarria novas correntes artísticas no seu momento que hoxe poden contribuír a complementar os atractivos desta ruta no noso municipio”. Nesa liña, os populares demandan máis implicación por parte do goberno local para impulsar iniciativas que dinamicen e diversifiquen o sector turístico en Sarria

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario