A Universidade da Coruña participa no proxecto europeo “ZOE”

por Redacción A Coruña

O proxecto europeo ZOE, das siglas en inglés de “Zoonoses Emergence across Degraded and Restored Forest Ecosystems“, estudará as zoonoses, definidas pola Organización Mundial da Saúde como aquelas enfermidades que se transmiten de forma natural dos animais vertebrados ao ser humano, e viceversa. O enfoque da UDC permitirá avaliar o estado do coñecemento científico sobre os factores sociais, culturais e de conduta que conectan coa degradación dos devanditos ecosistemas.

Esta iniciativa investigará sobre como a degradación dos ecosistemas, a perda de biodiversidade e certos comportamentos humanos poden facilitar a aparición e propagación de enfermidades zoonóticas. Está formada por un consorcio interdisciplinar con experiencia en xeografía, xeobotánica, ecoloxía, viroloxía, inmunoloxía, epidemioloxía, socioloxía, psicoloxía, antropoloxía e divulgación científica de sete países da Unión Europea e catro de América Latina.

A UDC terá un papel relevante na análise psicolóxica do fenómeno, en tanto que profundará nos aspectos de comportamento, sociais e culturais que conectan a degradación dos ecosistemas, a perda de biodiversidade e a aparición e propagación de enfermidades cuxas vinculacións seguen sendo, en gran medida, pouco comprendidas.

O equipo, liderado pola profesora Adina C. Dumitru Dumitru e formado por Manuel Peralbo Uzquiano e Mª Pilar Vieiro Iglesias, do Departamento de Psicoloxía; e Luisa Losada Puente, do Departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación; estudará as investigacións ecolóxicas da biodiversidade deste proxecto desde unha perspectiva centrada no ser humano e involucrando ás comunidades locais afectadas pola degradación dos ecosistemas e pola aparición de enfermidades xa que aquelas desempeñan un papel central na prevención e mitigación dos riscos.

O particular enfoque da UDC permitirá avaliar o estado do coñecemento científico sobre os factores sociais, culturais e de conduta que conectan a degradación dos ecosistemas, a perda de biodiversidade e a aparición de enfermidades zoonóticas; ademais, recompilarán datos sobre os factores humanos que afectan esta relación nas rexións obxecto de estudo, que inclúen tanto ecosistemas europeos como latinoamericanos, recompilando e analizando os datos a través de métodos cualitativos e cuantitativos. Tamén se traballará coas comunidades locais na realización de talleres de resiliencia comunitaria para a creación conxunta de estratexias de prevención e mitigación e adaptación de riscos e impactos máis saudables e efectivas.

O proxecto ZOE súmase á importante traxectoria seguida polos investigadores da UDC na análise dos determinantes psicolóxicos dos estilos de vida sostibles e do cambio climático, a súa relación coa saúde e o benestar e o desenvolvemento de indicadores de cohesión social, empoderamento e saúde. Todos estes aspectos foron amplamente desenvoltos noutras iniciativas nas que participou a UDC, como “CONNECTING NATURE”, “SMARTEES”, “EU 1.5º LIFESTYLES” e “EnergyPROSPECTS”.

ZOE

Os socios que forman parte da investigación están coordinados polo Instituto de Viroloxía de Charité da Universidade de Berlín (Alemaña). Ademais, forman parte do consorcio a Universidade de Leibniz (Alemaña), o Centro de Investigación Biomédica da Academia Eslovaca de Ciencias (Eslovaquia), a Fraunhofer Gesellschaft (Alemaña), a Universidade do Valle de Guatemala (Guatemala), a Universidade de Viena (Austria), a Universidade de Liubliana (Eslovenia), a Universidade de Potsdam (Alemaña), Pikado B.V. (Países Baixos), a Universidade de Costa Rica (Costa Rica), a Universidade da Coruña (España), a Universidade de Aix-Marsella (Francia), Protisvalor (Francia), a Universidade Nacional Autónoma de México (México), o Centro de Investigación e Estudos Avanzados (México) e a Sociedade para a Conservación da Vida Silvestre (EE.UU.).

Esta iniciativa ten unha duración de 4 anos e foi financiada cun importe aproximado de 4.191.000 euros por parte do programa marco da Unión Europea Horizonte Europa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario