O PSdeG-PSOE celebrou na Coruña unha reunión coas diferentes agrupacións socialistas locais da comarca de cara ás vindeiras eleccións autonómicas

por Redacción A Coruña

Participaron nesta xuntanza comarcal, entre outros, o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e o candidato número 2 ás eleccións autonómicas na provincia Julio Abalde.

Fernández Piñeiro lamentou na mesma os “15 anos de desleixo e de desprezo da Xunta aos concellos da bisbara simplemente polo feito de non estar gobernados moitos deles polo PP, un exemplo de utilización partidista dunha administración que é de todos e de todas”.

O secretario xeral provincial quixo lembrar que “a veciñanza desta comarca aporta unha cantidade inxente de recursos a través dos impostos, e merecería que estes fosen reinvertidos nos seus concellos”.

Como exemplo, o socialista destacou que “a consellería de Educación non inviste nin un céntimo  nos centros educativos da Coruña, como ocorre tamén en Culleredo e en moitos outros concellos da comarca”. “O Colexio de Tarrío, en Culleredo, ten 50 anos e está totalmente abandonado”, engade.

Deste xeito, “a Xunta despreza a milleiros de rapaces e rapazas, o futuro da nosa sociedade, coa súa visión partidista das administracións”, sinala Fernández Piñeiro. “Por todo isto, o noso candidato José Ramón Gómez Besteiro presentou hoxe o noso programa en educación, coa proposta de recuperar a gratuidade dos libros de texto e así garantir o futuro da mocidade en Galicia”, destacou.

Esta gratuidade, indica o socialista, “foi eliminada por Feijóo cando chegou á Presidencia da Xunta, e nós comprometémonos a recuperala”. “Tamén recuperaremos a aposta pola formación profesional, tan necesaria en moitos sectores, para garantir que todos os rapazas e rapaces poidan realizar o seu proxecto vital e que todas as empresas poidan contar con man de obra cualificada e moi ben formada”, engadiu Fernández Piñeiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario