Os dous equipos coruñeses de roller derby, As Brigantias Roller Derby A Coruña e Coruña Roller Derby Irmandiñas enfrontaranse o vindeiro sábado 3 de febreiro nun partido que decidirá o gañador da Copa Federativa galega, que este ano se resolve nun único encontro. O partido terá lugar no pavillón polideportivo de Monte Alto ás 18.00 e a entrada é de balde.
Tanto As Brigantias como o seu equipo B xa estrearon a tempada; as primeiras cun triangular internacional contra Oxford Roller Derby e Hard Breaking Dolls Prague, e as segundas cun partido en Asturias contra La Güestia Roller Derby. En marzo continuarán con varios encontros da Liga ARDE (Asociación de Roller Derby de España).