Besteiro presenta os seus compromisos con Ferrol para que sexa «o centro da reindustrialización naval en España» liderado polo PSdeG na Xunta

por Redacción Galicia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este venres, diante de sindicatos, confederación de empresarios/as de Ferrolterra e representantes sociais, o seu “compromiso con Ferrol” para que sexa “o centro da reindustrialización naval en España” que van a levar a cabo os socialistas cando gobernen en Galicia. O mesmo consta dun ambicioso plan en torno ao emprego, á especialización do naval e o sector enerxético.

Besteiro presentou xunto ao secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, e o ex alcalde de Ferrol, Ángel Mato, os seus compromisos con Ferrol con accións concretas a desenvolver relacionadas co sector industrial e a creación de emprego unha vez os socialistas alcancen o goberno da Xunta logo do 18 de febreiro. Nun acto no que estiveron presentes os representantes dos sindicatos de Comisións Obreiras e UGT en Galicia, así como a asociación de empresarios COFER (Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal).

“Eu hoxe comprométome con Ferrol, non só cos representantes sociais e empresariais aquí presentes, senón con toda a xente desta cidade e de Ferrolterra”, apuntou Besteiro.

Entre as propostas, destacan a reclamación ao Goberno de España a construción do dique cuberto para finalizar a modernización do Estaleiro de Navantia, impulsar a financiación por parte da Xunta de Galicia dun novo Dique de Reparacións no Estaleiro de Ferrol, Crear un Centro de Formación da Industria Naval e das Enerxías renovables, desenvolver o Centro de Investigación da Enerxía Eólica Mariña e do almacenamento de enerxía.

439M€ E 1.800 EMPREGOS

O candidato do PSdeG tamén falou do encargo realizado polo goberno de España a Navantia, anunciado o pasado mércores polo presidente Pedro Sánchez, polo cal se construirá en Ferrol un buque de aprovisionamento de combate para a Armada Española. O mesmo, significa un investimento de 439M€ e a creación de 1.800 empregos directos e indirectos.  Tanto Formoso, como Ángel Mato coincidiron en destacar “o traballo clave” de Besteiro para lograr a chegada destas inversións do Estado en Ferrol.

Reivindicou que “os socialistas traballamos moito para conseguir estes investimentos para Galicia, tras moitos meses de traballo coa ministra Montero e coa ministra Robles” e lembrou que el mesmo en primeira persoa anunciou hai uns meses a construción do corte de chapa da segunda fragata F-110 e adiantou que virían “boas novas para Ferrol e para Galicia”, “e aquí están”, engadiu.

“LOGREI MÁIS QUE RUEDA PARA FERROL”

Así mesmo, lembrou os máis de 9.000 empregos creados e os 4.300M€ de investimento do goberno coas 5 fragatas F-110 que se están a construír en Navantia por encargo do Goberno de España. Reivindicou que estando fóra do goberno, el mesmo logrou “máis postos de traballo para Ferrol en tres meses que Rueda dentro da Xunta 20 anos” e que os socialistas “traballamos por darlle o que máis importa aos galegos, un traballo co que prosperar”.

“Son máis de 5.000 millóns de euros os que o Goberno de España ten comprometidos con Ferrol en distintas actuacións para modernizar esta cidade”, destacou o candidato socialista ao mesmo tempo que lembrou que “non da igual quen goberne, co PP non hai traballo nin futuro, e cos socialistas os asteleiros volven a funcionar a pleno rendemento”. Todas estas actuacións son englobadas por Besteiro no “obxectivo de reindustrializar Galicia”, aproveitando as oportunidades da transición xusta, sendo que a comunidade é “unha potencia enerxética” e que de aproveitar as oportunidades “pode recuperar o peso que merece dentro da industria española e europea”.

Comparte éste artículo
1 Comment