Este venres, a Deputación leva a pleno unha moción presentada polo PSdeG – PSOE e o BNG para apoiar a sanidade pública en Galicia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá con membros da plataforma SOS Sanidade Pública, que o vindeiro 4 de febreiro convoca unha manifestación en Santiago, para amosar o seu apoio á entidade.
O presidente da institución provincial quixo incidir no «noso total apoio á plataforma SOS Sanidade Pública e á manifestación que se celebra o vindeiro domingo en Santiago, que reivindica unha sanidade pública de calidade para todo o mundo»
Formoso declarou que «a situación da sanidade en Galicia, cun colapso sanitario constante e que se viu un dos seus picos durante este Nadal, ten que cambiar xa e empezar a contar cos profesionais que a integran para mellorar o servizo, que é o máis importante para todos os galegos e todas as galegas».
Indicou que «coa baixa de 5.000 profesionais nos últimos 14 anos o sistema non pode funcionar» e engadiu que «todos temos que ser iguais e contar cos mesmos dereitos á hora de que nos atendan nos hospitais e nos centros de saúde».
Pola súa banda, Demetrio Vázquez, voceiro da plataforma, quixo agradecer «o papel da Deputación da Coruña á hora de darlle voz ás demandas da nosa plataforma, que o que busca é mellorar a atención sanitaria para o conxunto da cidadanía».
Vázquez subliñou a importancia de «dotar dun bo servizo ás zonas rurais, porque nas cidades como A Coruña os usuarios e usuarias poden ter fácil acceso á sanidade e están ben atendidos, pero a medida que te achegas a zonas máis rurais, a falta de médicos e de moitos outros recursos fanse moito máis evidentes».
O Goberno da Deputación leva a pleno unha moción para a apoiar a sanidade pública
O Goberno da Deputación leva a pleno este venres, 2 de febreiro, unha moción presentada polo PsdeG – PSOE e o BNG para apoiar á sanidade pública en Galicia.
O obxectivo desta moción é o de instar á Xunta de Galicia a incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25 % do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Pretende, tamén, que o Goberno autonómico do Partido Popular incremente o persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; ademais de crear novas categorías profesionais aos equipos sanitarios.
Outra das demandas é a de abrir os Centros de Saúde que na actualidade están pechados e a creación de novas instalacións nos lugares onde sexan necesarios, coa partida orzamentaria suficiente para levar a cabo o seu labor.
O documento insta á Xunta a reintegrar o servizo de ambulancias no sistema público, aumentando a dotación das mesmas; a implementación dun plan para racionalizar as listas de garda hospitalarias; solicita garantías de atención médica e control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.A moción inclúe tamén outras cuestións relevantes en materia sanitaria como a creación dun Plan de Saúde Mental, a eliminación da precariedade laboral, a necesidade dunha maior transparencia, a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e a reorientación do sistema ao modelo comunitario e participativo, para garantir unha atención integral.