Avanza a renovación de alumeado público en Lugo con máis de 1.291 novos puntos LED

por Redacción Lugo

Actualmente estase a mudar o alumeado das rúas Hermanitas, Dinán e Praza de Bretaña, dentro dun plan orzamentario de 300.000 €

O responsable da área de Infraestruturas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, informou sobre os avances na renovación das redes de alumeado público das rúas da cidade de Lugo. O concelleiro explicou que, no pasado ano 2023, foron 82 as rúas nas que se actualizaron as luminarias, «cunha instalación de máis de 1291 puntos LED que potencian a baixada de consumo e fomentan a eficiencia», aclarou Penas.

«A estas 82 rúas xa renovadas, sumaranse no próximo período outras 30 nas que xa estamos comezando a traballar», explicou o concelleiro de Infraestruturas. Entre esas novas, Alexandre Penas quixo nomear, entre outras, as rúas San Xillao, Orquídea, Mestre Méndez ou Venancio Senra.

Penas insistiu en que, dende a chegada ao Goberno do concello de Lugo «continuamos a traballar na reducción do gasto público ao tempo que a veciñanza de Lugo pode desfrutar dun alumeado eficiente», o que pasa por aumentar cada ano o presuposto orzamentario destinado á actualización das luminarias, que dende o 2021 pasaron de 16.089 puntos de luz aos 16.914 totais a finais do pasado ano.

Penas lembrou que a Concellería de Infraestruturas investiu, nos últimos anos, máis de 3 millóns de euros na renovación do alumeado público, instalando luminarias de baixo consumo e aplicando a perspectiva de xénero. O concelleiro insistiu en que eses non son os únicos criterios que se teñen en conta, xa que tamén inflúen outros fundamentais como «recuperar, no posible, luminarias existentes adaptándoas ás novas tecnoloxías para poder reutilizalas e reducir residuos e custos de implantación, renovar tamén o resto de elementos eléctricos como caixas, conductores ou fusibles que diminúan as avarías, e reducir toda aquela luz intrusa ou que poida chegar a xerar molestias entre a veciñanza», indicou Penas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario