Miguel Tomé: “Garantiremos retribucións xustas aos produtores»

por Redacción Lugo

O número catro da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé López, manifestou “a necesidade de habilitar instrumentos necesarios para incentivar o relevo xeracional nos sectores primarios e garantir retribucións xustas para os produtores”. Medidas que “aplicaremos os socialistas cando Besteiro chegue á Xunta de Galicia para reverter o abandono do PP ao sector, que languidece dende hai décadas perdendo activos de forma progresiva”.

Recorreu Tomé a datos do INE, que sinalan que no 2022 o sector agroalimentario mantiña 66.900 ocupados en Galicia, o que supón 21.000 menos en relación ao ano 2010. O candidato fixo estas declaracións, acompañado polo Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e voceiros e voceiras do PSdeG da Ribeira Sacra durante unha visita á adega Virxe dos Remedios e a unha explotación de vacún en San Vitorio, ambas no concello do Saviñao.

“Vivir no rural non pode ser un acto de heroicidade, o número de explotacións redúcese ano tras ano e a idade media dos agricultores e gandeiros rozan a da xubilación”, subliñou Miguel Tomé.

Nesta liña, engadiu o candidato, “todos sabemos onde están as solucións, menos o señor Rueda, que parece que non o ve ou que non o quere ver, o que é aínda peor”. Sinalou a falta de competitividade e os baixos beneficios da actividade económica como principais atrancos para que a xente moza aposte por actividades do campo, así como tamén “polas baixas posibilidades para a conciliación, polos problemas de comunicación a través dunhas infraestruturas en condicións deficientes e un transporte público precario ou as dificultades da conectividade a través de internet de banda ancha”.

Miguel Tomé destacou así mesmo a necesidade de impulsar a Lei de Agricultura Familiar, ou a mobilización da terra que poña en produción os centos de hectáreas que están a baldío. Tamén destacou a importancia de apuntalar un sistema de seguros agrarios e fomentar a I+D+i orientada á mellora das ferramentas para a defensa dos cultivos e como valor engadido para un sector produtor lastrado pola falta de transformación e a dependencia externa.

Comparte éste artículo
1 Comment