Os orzamentos municipais deste ano entraron en vigor durante o Pleno Extraordinario celebrado no día de hoxe
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, volveu defender, logo da aprobación dos Orzamentos 2024 durante o Pleno Extraordinario deste xoves, a idea de «continuar a avanzar no proxecto de cidade co que levamos anos mellorando Lugo, facendo unha cidade máis amable para as persoas». Rubén Arroxo destacou que «os Orzamentos deste 2024 permitiranos continuar cos proxectos xa iniciados e avanzar no tempo novo que abrimos desde o goberno, cun Lugo que aproveite o seu patrimonio histórico e natural», afirmou Rubén Arroxo.
O Tenente Alcalde afirmou que con estas partidas, «Lugo continuará a avanzar na recuperación do espazo público para as persoas, no aforro enerxético e na mellora dos espazos urbanos, ademais de manter a decidida aposta do Goberno pola cultura local e de base, poñendo en valor ás e aos artistas de Lugo».
Rubén Arroxo destacou que estes orzamentos se realizaron «contando coa opinión da veciñanza a través de diversas xuntanzas en distintos barrios da cidade, coas que organizamos os Orzamentos Participativos deste ano». O Tenente Alcalde anunciou 365.000€ adicados á peonalización da Rúa Milagrosa, unha iniciativa que permitirá completar a zona de paseo entre o centro da cidade e a praza da Milagrosa, completando o trazado peonil que remata actualmente en Luís Seoane.
No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo anunciou o investimento de 460.000€ para o barrio de Recatelo. «despois de rematar as rúas principais, continuamos a traballar na mellora da imaxe de Recatelo, unha zona importante que xa permite a comunicación do centro co Parque de Rosalía de xeito totalmente peonil e que seguiremos a mellorar», explicou Rubén Arroxo, que anunciou que no vindeiro ano se executará a semipeonalización do Carril dos Loureiros, «habilitando unha plataforma única que permita desfrutar de espazos peonís, tal e como consensuamos coa veciñanza da rúa».
A Tenencia de Alcaldía executará tamén a renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos. «O persoal técnico do Concello de Lugo leva máis de 15 anos revisando o desgaste deste muro e decidiuse actuar agora, antes de que a estrutura continúe a deteriorarse», explicou o Tenente Alcalde. Hai aproximadamente un ano, o muro foi apuntalado para evitar maior deterioro e facilitar os estudos técnicos precisos para a súa renovación, e no orzamento resérvanse 770.000€ para executar unha obra que mellorará o acceso ás costas do parque e a accesibilidade do conxunto.
As pavimentacións nas zonas urbanas e periurbanas contan cun orzamento de 800.000€, adicados a pavimento e contornas escolares, e adicaranse 80.000€ a estudos de tráfico, como a mellora da circulación na contorna da Fonte dos Ranchos e a peonalización da Rolda da Muralla na zona norte.
O plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas continuará tamén no 2024, adicándose130.000€para a renovación das luminarias. «Estes investimentos son rentables en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e diminúen o impacto ambiental, nun momento no que as administracións temos que facer un importante esforzo en reducir o consumo enerxético», explicou Arroxo. A Ponte Romana recibe 150.000€ no orzamento que permitirán executar unha solución definitiva aos danos detectados na estrutura debido ás intensas riadas do ano pasado.
No tocante á área de Participación, Rubén Arroxo destacou un investimento de 145.000€ para mellorar as instalacións da Praza de Abastos e 180.000€ para realizar investimentos no Cemiterio Municipal, onde se incluirá a construcción dun espazo para mascotas. «Con estas partidas atenderanse ás demandas que tanto os distintos vendedores e vendedoras como as persoas que compran na Praza de Abastos e no Mercado levan moito tempo realizando, e atenderase ás necesidades do Cemiterio, adaptándoo a unha realidade que estamos a ver en moitas cidades». Arroxo afirmou que «seguiremos a potenciar unha instalación que está a ter un gran crecemento, especialmente por parte da xente nova, o que se pode ver os sábados coa campaña O noso mercado é un agasallo«.
A área de Cultura continuará a manter unha ampla programación cultural durante todo o ano, apostando polo tecido cultural local e pola promoción turística da cidade, cunha partida de 600.000€, e reservando 757.000€ para o San Froilán. Rubén Arroxo anunciou 15.000€ para a adquisición de instrumentos na Escola Municipal de Música «un servizo que permite a moitas persoas estudar música sen ter en conta a súa capacidade adquisitiva», afirmou o Tenente Alcalde. Arroxo anunciou que a Tenencia de Alcaldía reservará unha partida para unha escultura en homenaxe a Darío Xohán Cabana, cumprindo cunha das solicitudes da familia.