O PSdeG de Pontevedra reivindica a Besteiro como solución aos problemas que padecen os profesionais da avogacía 

por Redacción Pontevedra

Acabar coa saturación que padece o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), incrementando o cadro de persoal deste sensible servizo, e solucionar os importantes desaxustes que se producen na aplicación da quenda de oficio son algunhas das medidas que José Ramón Gómez Besteiro pretende impulsar en materia de xustiza desde a presidencia da Xunta de Galicia. Os socialistas de Pontevedra están convencidos de que, baixo o liderado de Besteiro, poderán ser corrixidos «os problemas derivados da nefasta xestión de Rueda durante os 12 anos que estivo ao fronte da Consellería de Xustiza, dos que só o lembramos pola súa nula capacidade de diálogo na folga de 2018, a máis longa da historia do noso país e que provocou un dano terrible nos xulgados galegos». 

«Á marxe de que o tiveran que afastar deste conflito laboral pola súa ineptitude e incapacidade negociadora -sostén Paloma Castro, candidata do PSdeG pola nosa provincia-, Rueda deixounos como herdanza boa parte das deficiencias que aínda gangrenan o funcionamento da nosa xustiza case unha década despois».

Estes problemas foron abordados por Castro nun encontro mantido cos decanos dos colexios de Avogados e de Procuradores de Pontevedra, Gema Rial Rodríguez e Joaquín Gabriel Santo Conde, e no que tamén participaron o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira socialista Yoya Blanco. Tal e como salientou, «o Imelga é un servizo esencial, que garante informes en procesos tan sensibles como os divorcios contenciosos, casos de violencia de xénero, lesións ou asasinatos, presenta un problema estrutural de escaseza de persoal en relación ao volume de actuacións que teñen que levar a cabo: os traballadores non dan para máis e esta situación está a ocasionar atrasos de ata 2 anos nos procedementos».

«Estamos a falar de procesos moi delicados -explicou Paloma Castro- e de cuestións tan relevantes como o dereito a unha tutela efectiva e a un procedemento xudicial sen dilacións indebidas. En casos de divorcios contenciosos nos que non existe acordo no réxime de garda e custodia, por exemplo, podemos imaxinar a un neno/a que tras dous anos teña que volver pasar polo trámite xudicial, a muda de custodia ou o trauma de non ver a un dos proxenitores neste período… Ou os efectos na valoración dunhas lesións nun proceso por violencia de xénero ou na causa dunha morte». Para a socialista, «a solución pasa por aumentar o número de profesionais adscritos a cada unha das subdireccións en cantidade necesaria, segundo o volume de informes solicitados».

No que atinxe á quenda de oficio, o PSdeG considera «imprescindible que a Xunta asuma a responsabilidade de solucionar os numerosos e importantes desaxustes que existen na aplicación deste dereito, comezando por unha dotación orzamentaria que permita acabar coa precariedade das retribucións e aboarlles aos profesionais unhas indemnizacións dignas». Paloma Castro lamentou que «o PP considere esta protección propia do Estado do Benestar como unha carga, un custo a asumir, máis que como unha cobertura necesaria para garantir un dereito», o que se traduce «en que os orzamentos dedicados a esta fin sexan ínfimos». 

«As retribucións da quenda de oficio seguen a ser a grande asignatura pendente, o que supón unha absoluta falla de consideración ao esforzo, entrega e dedicación dos profesionais. O investimento medio en xustiza gratuíta por cidadá en Galicia é 4,9 €, o que nos sitúa por debaixo da media de 6 € de España é de 6 € e á cola do Estado, moi por detrás de comunidades coma Navarra, Asturias, País Vasco, Cataluña, Andalucía ou Valencia», indicou Castro.

Equipos desfasados e falta de coordinación entre programas

A candidata do PSdeG tamén incidiu na necesidade de que Galicia «poña as pilas en materia de dixitalización do procedemento xudicial, en consonancia coa aposta que o Goberno de España está a realizar a prol da modernización tecnolóxica e da eficiencia organizativa e dixital da xustiza». Na súa opinión, «resulta incomprensible que aínda se estean a empregar programas informáticos que non contemplen tódolos procedementos, que a Fiscalía careza dunha sede electrónica, que se fagan videoconferencias con equipos informáticos desfasados, ou que non exista coordinación entre os programas que utilizan os diferentes axentes da xustiza, o que dificulta o traballo ao imposibilitar o acceso a datos como os dos procedementos pendentes ou os relativos a menores».

Paloma Castro tamén amosou a preocupación dos socialistas ante a situación na que se atopan os xulgados de Violencia no noso territorio, «non só os de instrución ou mixtos, que coñecen esta materia, senón tamén os exclusivos da Coruña e Vigo». «Avogamos por un Plan de Adaptación destes edificios ás esixencias legais e por unha mellora nas condicións laborais dos axentes xudiciais que traballan neles», reivindicou.

Comparte éste artículo
2 Comments