A humorista Carmen Conde dará comezo ás actividades do Entroido 2024 en Lugo

por Redacción Lugo

A dramaturga e guionista luguesa será a encargada do Pregón deste ano, que se celebrará por segunda vez consecutiva na praza Maior

Carmen Conde será a encargada de dar comezo ás actividades do Entroido 2024, organizadas pola Tenencia de Alcaldía, co pregón que se celebrará o venres 9 de febreiro na praza Maior co fin facilitar a participación da veciñanza no acto de inicio do Entroido. A concelleira de Cultura destacou a «importancia» de incluír unha humorista no comezo das festas, xa que «crea un ambiente alegre e desenfadado, fomentando a unión dos e das lucenses a través do humor, contribuíndo tamén á diversidade de expresións culturais durante a festa do Entroido», insistiu Maite Ferreiro.

O Pregón terá lugar a partir das 20 horas do venres e contará con gradas para facilitar a visibilidade, ademais dunha pantalla xigante. No caso de choiva, a área de Cultura habilitará unha carpa. A animación musical durante o pregón correrá a cargo de Condensadores de Fluzo, e, a partir das 21:30, o recinto histórico encherase coa animación musical da charanga Louband.

A partir do día 2 de febreiro e ata o día 12, celebrarase o Mercado de Produtos Tradicionais propios desta época de Entroido, onde as cachuchas e os cimos inundarán o Mercado Tradicional dos martes e venres na Praza de Abastos.

O sábado 10 a animación comezará a partir das 12:30 con Peterpunk e o neno imperdible, da compañía As Monchas, na praza Maior; e a partir das 17:00 terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Tambukda e Patty Difusa, e a partir das 21:30, Bloco Meigallo percorrerá o recinto histórico.

O domingo 11 a praza Maior acollerá a partir das 12:30 horas a A Vela Circo co seu espectáculo ‘O último’; e o luns 12 chegará á praza Maior a gala de circo Introitus, coas actuacións de Kanbahiota, Lila Star, Isla Letriska e Paco Nogueiras, continuando as actividades ás 20:00 coa actuación de Bloco Meigallo e o 22 con Unión Phenosa polo recinto histórico.

O día 13, entre as 11:00 e as 14:00, e á tarde entre as 16:00 e as 19:00 celebrarase a segunda edición da Festa da Filloa na rúa Quiroga Ballesteros, mentres que a animación continuará na xornada de mañá co espectáculo Rogelio, un paiaso en recuperación na praza Maior. Na xornada de tarde, terá lugar o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Tambukda.

As actividades do Entroido rematarán o mércores 14 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario