Ecoloxistas en Acción considera que a insuficiencia hídrica sinalada polo organismo de bacia non é subsanable polo que esixe á Xunta que anule a declaración de proxecto de interese autonómico ao GS360 do expresidente do Celta
Ecoloxistas en Acción celebra que a Confederación hidrográfica Miño-Sil (CHMS) informe desfavorablemente ao proxecto GS360 no trámite aberto pola Xunta para declarar dito proxecto de interese autonómico (PIA). O informe do organismo de bacia fai un pronunciamento desfavorable en canto á disponibilidade xurídica dos recursos hídricos necesarios para o desenvolvemento do PIA, «ao non atoparse, na documentación aportada, claramente avaliados estes nin a súa procedencia». Ademais no informe a CHMS recalca que no proxecto non se ten en contan as necesidades da poboación de Mos nin «o futuro das concesións que se poden ver afectadas«.
Dito informe é preceptivo e vinculante polo que a organización ecoloxista considera que a insuficiencia hídrica sinalada pola CHMS condiciona totalmente a tramitación do PIA, xa que esta eiva non é subsanable no curto prazo. Ecoloxistas en Acción destaca que a propia construción do proxecto GS360 agravaría a escaseza de auga, xa que a construcción dun proxecto desta envergadura, ocupa 150.000 m2 de terreo fotestal, coma o proxectado polo expresidente do Celta de Vigo no monte comunal de Tameiga é moi prexudicial para as captacións de auga, porque que pon en risco nacementos e cauces de regos dada a fraxilidade da capa xeolóxica.
Subliñan que unha vez executado o proxecto reducirase significativamente a capacidade de infiltración en toda a zona debido á propia transformación do relevo e aos movementos de terra en primeira instancia e, sobre todo, de xeito permanente en todas aquelas áreas que se vexan sometidas a algún tipo de pavimentación.
«A Confederación hidrográfica deixa ben claro que non hai auga suficiente para abastecer o millón de litros diarios que demanda o GS360, pero ademais o despropósito é tan grande que os promotores do GS360 teñen anunciado a construción dun gran parque de atraccións de auga no complexo de ocio», asegura Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, que ademais sinala que o despropósito
Alertan que a pretendida reclasificación dos terreos, actualmente solo rústico de especial protección, abrirá as portas a un boom urbanístico: estadio arena, hotel, restaurantes, tendas de ocio e aparcamentos para 1.200 vehículos co conseguinte incremento do tráfico rodado. «Unha presión urbanística que os acuíferos da zona non poden soportar e secaran á mínima que haxa escasez de precipitacións», aseguran desde Ecoloxistas en Acción.
O informe da Confederación hidrográfica non é o único desfavorable no trámite da declaración do PIA. Segundo Ecoloxistas en Acción pódese considerar contrarios e con eivas insalvables os informes do Concello de Vigo e da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade.
O Concello de Vigo alega no seu informe, entre outras eivas, que «as previsións relativas ao abastecemento de auga non se adecúan ás Directrices de Ordenación do Territorio e non se garante a dispoñibilidade dos recursos, resultando afectado o abastecemento ao Concello de Vigo» e ademais que «non poder aceptarse a consideración de que se conta con transporte público suficiente mediante o emprego do transporte que da servizo á Universidade de Vigo«.
Pola súa banda o Xefe do Servizo de Mobilidade da Xefatura Territorial en Pontevedra da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade sinala que «o proxecto de obra carece dunha analese das actuacións concretas que afecten á mobilidade por rede viaria» e que «non se contempla no Proxecto de Interese Autonómico se os actuais servizos urbanos e interurbanos de transporte resultan suficientes para a demanda».
Ademais, a organización ecoloxista considera que tamén se presentaron eivas importantes nos informes asinados pola Directora Xeral do Patrimonio Cultural, incidindo na afección severa sobre o xacemento Coto dos Mosquitos e o Achado de Coto dos Mosquito. Tamén sinalan que pode entenderse como non favorable o emitido polo Xefe de Área do Servizo de Montes da Xefatura Territorial en Pontevedra da Consellería do Medio Rural quen detecta irregularidades nos deslindes dos montes e no ámbito de actuación.
Ecoloxistas en Acción considera que o informe vinculante da Confederación sumado aos outros informes desfavorables ten que acarrexar a anulación inmediata do PIA e a denegación do proxecto GS 360 nos montes comunais de Tameiga. «Todos estes informes desfavorables poñen fin ao intento da Xunta de Galicia de legalizar polas bravas unha cidade deportiva declarada ilegal pola Xustiza» declaran desde a organización ecoloxista e aseguran que acudirán aos tribunais se a Xunta non acata os informes negativos e continúa co procedemento.
«Agardamos que ao Partido Popular non se atreva a tanto, pero no caso de que continuara co trámite do PIA saltándose a leí, desde logo presentaremos unha querela por prevaricación contra o Consello da Xunta«, afirma Cristóbal López. Ademais fan un chamamento ao TSXG para que poña fin a anomalía xurídica de ter paralizada, máis dun ano xa e sen razón legal algunha, a execución de sentenza e solicitanlle que emita de máis demora a orde de derrubo da cidade deportiva. Para Ecoloxistas en Acción é fundamental que a Xustiza non permita «a impunidade dos que se pensan que están por enriba da lei e poden apropiarse do ben común».