Olalla Rodil presenta as medidas do BNG para as persoas investigadoras

por Redacción Lugo

A candidata do BNG destacou «a potencialidade do Campus de Lugo» no eido da investigación ligada ao sector primario

A cabeza de lista ao parlamento galego polo BNG, Olalla Rodil, xunto con Montserrat Valcárcel, número 3 da candidatura e doutora en enxeñaría agrónoma, mantiveron un encontro con investigadoras e investigadores do campus de Lugo para presentar as propostas do BNG neste eido. Rodil pediu o apoio para o BNG o vindeiro 18 de febreiro para «dar a volta aos 15 anos perdidos que levamos en materia de I+D+i pola desidia do PP, que non considerou a investigación e a ciencia como unha materia estratéxica».

Olalla Rodil cualificou á investigación como un «eixo estratéxico para o desenvolvemento económico e a modernización da Galiza», e destacou a potencialidade do Campus de Lugo, cunha oferta formativa e unha labor de investigación moi ligada co sector agrogandeiro. Rodil anunciou a creación do Innogal, «unha Fundación galega para a ciencia, entendida como unha fundación sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e independente cuxo obxectivo é impulsar, promover e desenvolver a investigación e xeración de coñecemento científico, humanístico e tecnolóxico en beneficio da sociedade, do Sistema Universitario Galego, dos centros de investigación e, en xeral, do ecosistema investigador de Galiza», explicou a candidata, e engadiu «impulsaremos a cooperación e coordinación entre os distintos axentes do ecosistema investigador galego a través da creación da Rede galega de coñecemento, ciencia e tecnoloxía».

Actualmente, Galiza está á cola do investimento en I+D+i con respecto ao resto do estado, investindo só o 1,1% do PIB, mentres que a media estatal é do 1,43% e a europea do 2,3%. O BNG propón unha batería de medidas para reverter esta situación, comezando polo incremento do investimento en ciencia I+D de maneira progresiva até alcanzar o 3% do PIB en 2030, e adicar á ciencia e I+D, o 3% dos orzamentos. De cara a mellorar as condicións profesionais do persoal, o BNG desde a Xunta de Galiza definirá unha carreira profesional investigadora para todo o persoal científico – técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos, e creará unha verdadeira Axencia Galega da Ciencia que coordine os diferentes grupos científicos incentivando a colaboración no sistema científico, centralizando a xestión e orientando o sistema investigador cara á resolución dos problemas da sociedade.

A candidata do BNG afirmou que Galiza precisa un goberno «que aporte solucións para deixar atrás os quince anos de nefasto legado que deixa o PP», e animou a todas as persoas «a votar BNG independentemente do voto que deran noutras eleccións, somos a única forza coas mans libres para mellorar a vida das galegas e galegos sen ter que obedecer ás ordes dos partidos estatais». 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario