Será nunha velada, presentada pola actriz Chus Álvarez, na que a Arxis Esemble ofrecerá un concerto cuxo repertorio inclúe a estrea en Galicia de dúas partituras de Clara Iannotta e Salvatore Sciarrino
O 15 de febreiro farase pública a resolución do XV Premio Andrés Gaos de composición musical, convocado cada dous anos pola Deputación Coruña para recoñecer a figura do compositor coruñés e apoiar a creación no eido da música contemporánea e comisariado polo compositor Hugo Gómez Chao.
Será no Museo Domus da Coruña, durante unha velada que vai presentar a actriz Chus Álvarez e na que a formación galega Arxis Esemble, dirixida por Aitor Vázquez, ofrecerá, ás 19.30 horas, un concerto cuxo repertorio inclúe pezas de catro membros do xurado do certame mais a estrea en Galicia de dúas partituras de Clara Iannotta e Salvatore Sciarrino. Ao remate do recital coñecerase o gañador do concurso. As entradas para o concerto son de balde e poden retirarse na páxina web de Ataquilla.
Antes, ás 19 horas, celebrarase un encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, o compositor Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participarán José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais, a OSG compartirá, ese mesmo día e mais o anterior, dúas sesións de traballo coas tres persoas finalistas este ano do Andreś Gaos.
O gañador recibirá 6.500 euros —a repartir, no caso de que o galardón sexa concedido ex aequo—, e a Deputación poderá producir e estrear a obra ou obras premiadas. A deputada de Cultura, Natividade González, presidirá o xurado, formado pola catedrática de Música e investigadora Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij.
O comité avaliador deberá decidir entre as tres obras que seleccionou como finalistas: Avnios (presentada co lema Hidacio), Lines (de Replicant) e SYZYGY (de Alignment of celestial bodies). In the distance, de Ramón Humet Cordech, en 2021; Vía, de Álvaro Núñez Carbullanca, en 2019; e Daivat, de Mario Carro Gigosos, en 2017, foron os gañadores nas anteriores edicións do Premio Andrés Gaos.
Programa
Il colore dell’ ombra (2010), de Clara Iannotta. Para piano, violín e cello.
Rumor líquido (2013-14), de Jacobo Gaspar. Para ensemble.
Alice’s Adventures in Wonderland (2014), de Raquel García-Tomás. Para piano, vídeo e electrónica.
Momento absurdo (2003), de Wladimir Rosinskij. Ppara violín e cello.
Sottogrido (2019), de Miguel Matamoro. Para ensemble.
Lo Spazio Inverso (1985), de Salvatore Sciarrino. Para ensemble.
EQUIPO ARTÍSTICO
Director | Aitor Vázquez
Frauta | Clara Giner
Clarinete | Sergi Bayarri
Percusión | Noè Rodrigo
Piano, Celesta | Magdalena Cerezo
Violín | Alfredo Ancillo
Cello | Anna Grenzner
Arxis Ensemble
Arxis Ensemble naceu co obxectivo de ser punto de encontro entre intérpretes, creadores e público no eido da música contemporánea. Aposta polo traballo man a man con compositoras e compositores do noso tempo, e por intercambios nacionais e internacionais para situar a Galicia como un dos focos da arte de vangarda, sempre buscando abrir diálogos sobre a creación máis nova a través de concertos, conferencias e talleres, e vinculando a música con outras disciplinas artísticas en proxectos multidisciplinares nos que hai espazo para o teatro musical, a ópera ou a música electrónica.
Aitor Vázquez
Aitor Vázquez Torres estudou dirección de orquestra con Marc Piollet e Wolfgang Döerner, na Kunstuniversität de Graz (Austria), centrando a súa formación na dirección de música dos séculos XX e XXI. Traballou e dirixiu formacións coma Savaria Symphony Orchestra de Hungría, Grazer Philarmonie de Austria, Ensemble für Neue Musik KUG ou o PPCM da Kunstuniverität Graz, baixo a tutela de músicos do Klangforum de Viena. Recibiu clases de Roland Kluttig, Gunde Jäch-Micko, Dimitri Polisoidis, Johannes Kern e Edo Micic. No ámbito da composición, estudou no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e nos Cursos Internacionais de Composición, Interpretación e Dirección de Orquestra de Villafranca del Bierzo, onde traballa con compositores coma Cristóbal Halffter, José María Sánchez Verdú ou Alberto Pousadas. Foi galardoado co Premio Flora Prieto de Composición, estreando coa Orquestra e Coro Nacionais de España no Auditorio Nacional, e no Primeiro Concurso de Composición Musical para Mozos Andaluces.