Tras a sufrida e meritoria vitoria contra un dos favoritos da Primeira Nacional, o Porriño Godoy Maceira, o Santo Domingo Betanzos recibe esta xornada ao Rosalía de Castro (Institutos de Compostela- Xunta de Galicia), un conxunto ao que custou moito vencer no último partido da primeira fase, hai a penas dúas semanas, e que arrincou o último treito da liga antes da F4 polo título cunha cómoda vitoria fronte ao Allariz. O equipo santiagués, primeiro por average nesta fase acabada de inaugurar, é seguramente a revelación desta Primeira División Nacional 23/24 e artífice principal de que o USC Obradoiro, póñase por caso, decote na liga polo título, teña que conformarse este ano con xogar na A2 pola permanencia.
Conxunto con xente moza, ao que volveu o ex EBA Iago Fernández tras varias xornadas ausente, o Rosalía, malia perder co Ineltrón Santo Domingo os 3 partidos disputados este ano (o primeiro, un amigable) nunca deixou de plantarlle cara aos betanceiros, de aí que os de Doc afronten este partido con todas as cautelas, sabedores da importancia de seguir sumando nun grupo tan competitivo como o A1.
O encontro terá lugar o domingo 11 ás 17h no Carregal.
Dobre enfrontamento Santo Domingo Betanzos-Maristas en infantil e cadete masculino
No que toca ao resto de conxuntos do club, o equipo B viaxa a Carballo o sábado para xogar contra o Artai e os infantil e cadete masculino mediranse ao Maristas Coruña, os primeiros na Coruña e os segundos en casa. Os preinfantil reciben ao Perusiñas-Cidade de Lugo, as infantís feminino xogan na Coruña contra Esclavas e as cadete de Jose Ríos viaxan a Ferrol para disputar o primeiro posto do seu grupo contra Costa Ártabra.