A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, amosou este venres o seu convencemento de que se os galegos e as galegas que están fartos da Galiza en pequeno e gris que deixa o PP se mobilizan masivamente o día 18 e acoden ás urnas coa papeleta do BNG na man, o País fará historia dando paso «ao mellor goberno de todos os tempos liderado por unha presidenta coas mans libres para defender os intereses deste País».
«É o momento de apostalo todo ao BNG», proclamou durante o mitin que protagonizou en Soutomaior xunto ao cabeza de cartel por Pontevedra, Luís Bará.
Pontón apelou directamente á xente que peor o está pasando e a aqueles que están «angustiados» pola precariedade laboral, pola «desorbitada» suba de prezos ou porque ven como os salarios non dan máis de si e cada día lles custa máis chegar a fin de mes.
«A todas esas persoas quero dicirlles que o 18 de febreiro podemos deixar atrás esta Galiza que vai a menos, e poñer en marcha unha Galiza con futuro», asegurou, remarcando as dúas claves que son necesarias para o cambio: «unha mobilización masiva nas urnas, que ningún voto se perda, e concentrar todo ese voto de cambio no BNG».
«Imos estar á altura da súa confianza traballando día a día por mellorar as súa vidas», destacou a candidata, que comprometeu un goberno que porá ás persoas no centro das súa políticas construíndo unha Galiza con máis oportunidades e pasando páxina a quince anos do nefasto legado que deixa o PP.
Pontón comprometeu medidas concretas para axudar ás familias que máis sofren pola carestía da vida, entre as que destacou a recuperación da tarxeta básica para a compra de alimentos e medicinas, que o PP eliminou «mentres lle baixaba os impostos en 34 M€ ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza».
O goberno do BNG, engadiu, facilitará o acceso á vivenda a prezos accesibles, aprobará a gratuidade dos libros de texto, porá en marcha un bono para o transporte por 30 euros ao mes, e negociarán a rebaixa do IVE nos produtos de alimentación básica, como a carne ou o peixe, un IVE superreducido do 4% que como presidenta pedirá que se aplique tamén á factura do gas.
Ademais, defenderá que a rebaixa neste imposto se manteña de xeito permanente na da luz e, neste sentido, avanzou que a tarifa eléctrica galega que o BNG quere poñer en marcha servirá, precisamente, para que as familias, empresas e a clase traballadora galega paguen menos pola electricidade que consomen.
«Eu ben sei quen son e a quen me debo, a min ninguén me dará ordes máis que os galegos e as galegas», afirmou en Soutomaior, onde insistiu en que ante a cita do 18 de febreiro só hai dúas alternativas: «Seguir ancorados no pasado co PP e o candidato Rueda ou mirar con ilusión cara ao futuro cunha presidenta que só se debe á xente».
«Hai momentos en que a historia pode tocarse coas mans», proseguiu Pontón, que se presentou como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor, á que se dirixiu para dicirlle que non importa que papeleta colleron noutras eleccións porque hai moitas formas de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para construír unha Galiza en grande.
A toda esa cidadanía comprometeu un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias e das empresas; que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas.
Rueda foxe dos debates
A candidata do BNG tamén aproveitou o mitin en Soutomaior para referirse á negativa a participar nos debates electorais de Alfonso Rueda, a quen pediu «que se deixe de escusas» e acuda tanto ao cara a cara coa líder da oposición que propón a Cadena Ser como a debate a tres de TVE.
Pontón preguntouse «por que o PP segue escondendo ao seu candidato e por que alguén que quere presidir a Xunta lle dá plantón aos galegos e ás galegas», algo que considerou unha «falta de respecto» á cidadanía, que ten dereito ao contraste de proxectos e ideas entre as distintas forzas políticas.
Logo de ironizar cun Partido Popular que pasa de ocultar as súas siglas a ocultar ao seu candidato, advertiu que alguén que se presenta á Presidencia da Xunta non ten nada máis importante que facer nunha campaña electoral que asistir aos debates aos que se lle convoca, porque é a súa obriga permitirlle á cidadanía o necesario contraste de proxectos e propostas. «Os debates non son un dereito das e dos candidatos, son un dereito dos cidadáns e cidadás», concluíu.