“Pasaron dous anos e o Goberno de Rueda non fixo nada para arranxar os 200 metros afundidos da estrada autonómica do Courel a Quiroga, nin sequera ten o proxecto”. Así o denunciou este sábado o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, no propio lugar do derrubamento da que é a principal vía de comunicación de Folgoso do Courel, onde subliñou que o abandono desta estrada “é o símbolo do total desprezo do Partido Popular ao rural da nosa provincia e de toda Galicia”.
José Tomé estivo no Courel xunto aos candidatos lucenses ás eleccións autonómicas Lara Méndez, Miguel Tomé, Teresa Fernández e Roberto Castro, ademais da voceira municipal do partido na localidade, Carmen Álvarez, o Tenente de Alcalde de Quiroga, Vicente Parra, e os rexedores de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e membros das agrupacións socialistas do concello courelao e da comarca.
O Secretario Xeral dos socialistas na provincia e Presidente da Deputación de Lugo lembrou que, cando se van cumprir 24 meses do afundimento, “non hai nin un metro de obra feito e nada se sabe nin sequera do proxecto técnico para repoñer o trazado da estrada”, un abandono da Xunta de Rueda ás infraestruturas que se estende por toda Galicia.