Román Rodríguez salienta o compromiso do PP coa cultura e o ensino nas vilas e concellos do rural para dar igualdade de oportunidades 

por Redacción Galicia

Román Rodríguez, acompañado por candidatos do PP pola provincia de Lugo ás autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, subliñou nunha visita a varios concellos da provincia “o compromiso do PP co impulso da cultura e do ensino nas vilas e pequenos concellos do ámbito rural como polo tractor do desenvolvemento socioeconómico destas zonas”.

Nese sentido, puxo como exemplo as políticas públicas desenvolvidas nos concellos de Monforte de Lemos, Portomarín e Monterroso, onde se están a desenvolver iniciativas pioneiras no eido cultural así como outras de mellora continua de infraestruturas educativas que “contribúen a dar igualdade de oportunidades e revitalizar estas zonas”. É por iso polo que se comprometeu a “redobrar a aposta polo rural na vindeira lexislatura se o Partido Popular acada o apoio cidadán o próximo domingo, día 18”.

No caso de Portomarín, Román Rodríguez salienta o Galiverso, un dos proxectos culturais, tecnolóxicos e educativos de realidade virtual máis ambiciosos, a través do cal se recrea o vello Portomarín en 1962, antes do seu asolagamento. O popular tamén lembrou o investimento de “máis de 960.000 euros para a rehabilitación integral do Colexio CEIP Plurilingüe Virxe da Luz de Portomarín”.

En Monterroso, grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a vila conta cun espazo expositivo onde se divulga a actividade comercial de Galicia vinculada ás feiras e á historia do municipio: o museo e centro de interpretación ‘A vila das feiras’. “Sen dúbida, un novo atractivo cultural para achegarse a esta vila”, en palabras de Román Rodríguez. E, en materia de infraestruturas educativas, Rodríguez subliñou “as melloras no IES de Monterroso”.

PRETO DE 3 M€ NO COLEXIO DO CARDENAL E  A MELLORA DE INFRAESTRUTURAS EDUCATIVAS EN MONFORTE

Román Rodríguez tamén salientou o apoio no ámbito da cultura e a educación na cidade de Monforte de Lemos. Un “claro exemplo” é a rehabilitación do Colexio do Cardenal (A Nosa Señora da Antiga) cun investimento que acada os 800.000€ grazas ao cal se garante a conservación deste inmoble, tras a súa declaración como Ben de Interese Cultural BIC, por ser un dos máis senlleiros de Galicia e un reclamo turístico de primeira orde. Precisamente, a última actuación é a restauración do retablo da capela das Reliquias.

No eido das infraestruturas educativas, os candidatos populares puxeron en valor as melloras en cinco centros de Monforte de Lemos como as do Instituto IES Río Cabe, a rehabilitación integral do Francisco Daviña Rey e as instalacións fotovoltaica dos institutos A Pinguela, Río Cabe e o Centro de Educación Especial Infanta Elena que suman un investimento de máis de 2 millóns de euros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario