A exposición ubicada no MIHL ‘Literatura e Videoxogos’ recibe preto de 3.000 visitantes en dous meses

por Redacción Lugo

Á mostra achegáronse 2.965 persoas que puideron afondar na relación existente entre videoxogos e literatura, na súa expresión artística e o seu valor

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, compartiu os datos de visitantes da exposición inaugurada o pasado 5 de decembro no MIHL. Literatura e Videoxogos, organizada polo Museo do Videoxogo en colaboración coa área de Cultura, ofreceu aos visitantes máis de de 40 pezas, entre dispositivos e obras de software, de importante valor histórico e conceptual durante 2 meses.

Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, explica Maite Ferreiro, «quixo entrever con esta exposición a relación existente entre videoxogos e literatura, na súa expresión artística e o seu valor, desenvolvendo para o Concello de Lugo unha instalación experimental».  O éxito foi tal que, comenta Ferreiro, «a área de Cultura contaba xa con máis de 500 estudantes confirmados para visitar esta exposición antes da súa inauguración».

Con todo, a concelleira de Cultura indicou que, durante o primeiro mes de exposición, do 5 ao 30 de decembro, visitárona 1366 persoas, 982 individualmente e 384 en grupo, destacando especialmente o público adolescente. No mes de completo de xaneiro, foron 1098 persoas visitantes, 768 individual e 330 en grupo; mentres que do 1 ao 9 de febreiro (data de peche) visitaron a exposición 501 persoas, 195 individualmente e 306 en grupo.

En total, explicou Maite Ferreiro, foron 2965 as persoas que se achegaron ao MIHL dende o 5 de decembro ao 9 de febreiro para visitar a exposición Literatura e Videoxogos, «que afondou nas narrativas e na lingua integradas como elementos inseparables das obras interactivas, e que permitiu xogar e experimentar a todas as que se achegaron», insistiu a concelleira.

Ferreiro recalcou o compromiso do Concello de Lugo «en traballar para garantir unha programación cultural que inclúa distintas expresións artísticas e correntes culturais, para que os museos da cidade de Lugo se convertan en puntos de referencia e espacios abertos para satisfacer os intereses da poboación e fomentar o diálogo cultural», rematou a concelleira de Cultura.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario