Albares y Tomé pediron o apoio a José Ramón Gómez Besteiro para liderar “o cambio seguro e solvente” que necesita Galicia.

por Redacción Lugo

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañou este mércores ao Ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, na súa visita á Ribeira Sacra. Un encontro no que pediron o apoio a José Ramón Gómez Besteiro na recta final da campaña para liderar “o cambio seguro e solvente” que necesita Galicia.

José Tomé chamou a mobilización do voto ao PSdeG de cara á cita electoral do vindeiro domingo e resaltou que o candidato socialista representa “a única alternativa segura para poñer fin aos quince anos de inacción e incompetencia do PP de Rueda na Xunta” porque Besteiro ten “experiencia e capacidade de xestión, ten un proxecto de futuro para o noso país, ten equipo, e ten capacidade de diálogo e de colaboración co Goberno do Estado e cos concellos para sacalo adiante”.

O Secretario Xeral dos socialistas na provincia destacou neste sentido a firme aposta de Besteiro por recuperar os servizos públicos de calidade, tanto en materia de sanidade, como de educación, transporte e vivenda, como de completar o mapa de infraestruturas desbloqueando as obras que ten paralizadas o PP, e tomar a iniciativa para a reindustrialización, tanto da costa, como do interior, aproveitando o potencial enerxético de Galicia e o valor da materia prima dos sectores primarios promovendo a súa transformación.

O Ministro de Exteriores e o Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte reuníronse co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra no Centro do Viño da cidade do Cabe, para logo visitar os bancais. José Manuel Albares expresou o seu compromiso de “axudar da mellor maneira posible á promoción exterior da viticultura da Ribeira Sacra e do conxunto da comarca”

Así mesmo, apuntou que, fronte á inercia e abandono ás que ten sometida Rueda a Galicia, “o Goberno de Pedro Sánchez ten un compromiso cos galegos e galegas” en todos os ámbitos, e puxo como exemplo o sector pesqueiro, a captación de fondos europeos para abordar as transformacións económicas que necesita a comunidade autónoma, ou a promoción do galego, “levando o idioma ao corazón de Europa para que sexa definitivamente unha lingua oficial”.

“Estamos a punto de ir ás urnas, e hoxe tamén estou aquí para apoiar o cambio que necesita Galicia nestes momentos e que representa José Ramón Gómez Besteiro”, apuntou Albares, quen chamou tamén nesta recta final á mobilización dos socialistas. Nese sentido e coa vontade de perfilar os detalles dos últimos días da campaña electoral, Tomé e Albares mantiveron tamén un encontro cos rexedores, voceiros e candidatos socialistas da comarca de Lemos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario