O tema introduce o que será o seu terceiro álbum en solitario, no que participou a histórica Orquestra Los Satélites na gravación
A mocidade festeira está de sorte: despois de tres anos, Ortiga lanza un novo tema en solitario. ‘Le Hice El Seso A Tu Novio‘ é unha das cancións con máis ritmo do seu terceiro disco. Tras o éxito que compartiu con Pili Pampín, o artista regresa cun pegadizo merengue que é unha oda ao amor non posesivo e ás dinámicas amorosas dos tempos que corren. O tema colle aínda máis forza cos instrumentos e coros da histórica Orquestra Los Satélites. ‘Le hice el seso a tu novio’, pero cuando no era tu novio, así que no hagas el tonto, y bájale una al agobio» é o que se pon de manifesto neste tema. Así, o músico compostelán fai un chamamento á calma e tranquilidade emocionais. Estas circunstancias levan ao cantante a un xuízo ficticio que se recolle nun provocativo videoclip inspirado no reality Caso Cerrado. Unha estética retro envolve o escenario do programa Algo Farías!, no que Ortiga debe defender a súa inocencia ante un recoñecido xuíz: Lito da Panorama. Acusacións, probas e sorpresas recrean un dramático pleito no que tampouco falta o baile. Todo isto ilústrase nun videoclip dirixido por Xaime Miranda (realizado cas axudas de Girando Por Salas GPS14 e financiado por INAEM). O dúo con Pili Pampín achegouno aínda máis ao mundo da verbena e, xuntos, triunfaron polos festivais e escenarios que pisaron durante o 2023. Pero agora o artista compostelán une forzas coa Orquestra Los Satélites para elevar a fórmula latina á que nos ten acostumados. A diferenza de antes, a estética MIDI deixa paso a unha mistura na que os instrumentos orgánicos e os códigos latinos se fusionan cunha produción electrónica do máis actual. «As cumbias, os merengues e as bachatas tamén son a base dunha cultura popular galega impulsada a finais do século XX, e eu quero poñelo en valor», sinala Ortiga. O músico reafirma así unha personalidade única que o fai destacar como o latin boy da escena alternativa galega e o representante máis preto a nivel son á verbena galega. Con este tema demostra, unha vez máis, a súa facilidade para levar este estilo de música a escenarios imprevisibles. O seu próximo álbum en solitario fíxose de rogar tras tres anos dende a publicación de Sabes el Camino Que Elegí (2021), pero, durante ese tempo, seguiu activo na primeira liña do panorama musical galego, formando parte de recoñecidas bandas como Boyanka Kostova e producindo para outros artistas como Carlangas ou Dios Ke Te Krew. |