A Rede Provincial de Coworking atópase integrada por 11 centros especializados por sectores e distribuídos polas diferentes comarcas da provincia.
A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución de concesión das axudas para a dinamización e xestión dos centros de coworking adheridos á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo durante o ano 2024
As achegas econónicas da Deputación están destinadas a que os centros de traballo integrantes da Rede conten con asistencias técnicas especializadas na xestión deste tipo de centros, contribúe á súa dinamización sufragando os custos funcionamento ou compras de bens destinados á actividade, así como contando con servizos de profesionais independentes para desenvolver actividades formativas e eventos.
«A Rede Provincial de Coworking é unha das apostas da Deputación para impulsar o emprego e o emprendemento e dar novas oportunidades de futuro ao rural. Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona», afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que «o noso obxectivo é apoiar o talento da nosa xente moza para que poda desenvolver aquí as súas ideas, acompañando e titorizando a posta en marcha dos seus proxectos, prestándolles servizos e facilitando que compartan experiencias e recursos», apuntou.
Estas axudas tramitanse en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, soamente son destinatarios/as das subvencións as entidades sen ánimo de lucro e concellos que xa conten con centros de coworking adheridos á Rede provincial.
Un total de nove espazos de traballo colaborativo dos once cos que conta a Deputación na provincia recibirán subvencións por un total de 211.051,56 euros. As axudas solicitadas oscilan entre os 11.200 euros e os 29.750 euros.
A Rede Provincial de Coworking
A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, impulsada desde o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, está formada actualmente por 11 centros xestionados por concellos e entidades sen ánimo de lucro que dispoñen de instalacións para o seu uso como espazo de traballo, ben sexan viveiros de empresas, centros de negocios ou espazos de coworking.
Os espazos ofrecen módulos de traballo a novas empresas e persoas emprendedoras, prestan servizos comúns para cubrir as súas necesidades básicas e permiten deste xeito a posta en marcha e a consolidación de negocios durante os primeiros anos da súa vida. Ademais, dous deles, o centro Transformando en Brión e o da Fusquenlla en Moeche son espazos colaborativos de transformación agroalimentaria nos que se proporciona aos/ás pequenos/as produtores/as todo o necesario para transformar, procesar, envasar, etiquetar, cumprir co rexistro sanitario e comercializar os seus produtos do campo.
Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada comarca. O obxectivo é acompañar e titorizar as emprendedoras e emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e facilitar que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento das súas ideas de negocio e o nacemento de novos proxectos.
Os espazos que forman actualmente a Rede son o Pazo de Arenaza en Oleiros, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o espazo A Proa en Ames, o Green Coworking das Pontes, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Pobra, o Centro de Emprendemento A Estación de Vedra, o centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla de Moeche, o Coworking Dixital Ccompostela e a Casa do Pescador de Miño. Pode atopar máis información sobre todos eles na páxina web da Rede: https://redecoworking.pel.gal/
O Plan de Emprego Loca continúa a apostar polo desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da creación de novos negocios e xerando novas oportunidades laborais no rural, proporcionando os medios materiais e humanos necesarios para a posta en marcha de novas empresas.
ANEXO: SUBVENCIÓNS PEL-REDE COWORKING 2024 CONCEDIDAS
Interesado | Concello | Coworking | Subvención concedida |
Concello da Pobra do Caramiñal | Pobra do Caramiñal, A | Coworking A Pobra | 19.481,00 € |
Concello da Capela | Capela, A | Coworking A Capela | 24.791,69 € |
Concello de Brión | Brión | Transformando en Brión | 29.750,00 € |
Asociación de Empresarios Seara | Pontes de García Rodríguez, As | Green Coworking | 11.200,00 € |
Concello De Vedra | Vedra | Centro de emprendemento A Estación | 29.750,00 € |
Cámara Oficial de Comercio Industria Servicios y Navegación de Santiago de Compostela | Santiago de compostela | Coworking Dixital Ccompostela | 29.750,00 € |
Concello de Boiro | Boiro | LAB Barbanza | 12.620,30 € |
Concello de Ames | Ames | Espazo A Proa | 23.958,57 € |
Concello de Moeche | Moeche | Centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla | 29.750,00 € |
TOTAL | 211.051,56 € |