O Concello da Coruña puxo en marcha este luns o plan especial de limpeza intensiva ‘Barrio a barrio’, unha medida complementaria e adicional ao servizo habitual de limpeza viaria, coa que o Goberno de Inés Rey busca intensificar a prestación destas tarefas nas rúas e espazos públicos da cidade.
O ‘Barrio a barrio’, tal e como precisa a súa denominación, é unha iniciativa coa que o Concello irá incidindo na limpeza en profundidade dos barrios cun formato rotativo de carácter mensual, que irá chegando de forma progresiva a todos os distritos da cidade, coa intensificación no uso de hidrolimpiadoras, baldeo de alta presión e, a maiores, a ampliación do servizo de varrido mecánico.
Neste sentido, o plan de traballo comezou este luns no barrio dos Rosales. Concretamente, na área con maior cota de zona: o sector norte da rúa Emilio González López, que circunvala a praza Elíptica. A previsión da Área de Medio Ambiente de cara a esta primeira xornada é a de actuar sobre máis de 2.400 metros lineais nas beirarrúas, escaleiras e contorna dos pasos peonís.
Xa na segunda xornada, os operarios pasarán a traballar nos accesos ao parque infantil da praza Elíptica e a rúa Alcalde Suárez Ferrín. E, a continuación, no terceiro día do plan de traballo, incidirase na limpeza intensiva no sector sur de Emilio González López, para avanzar posteriormente cara á rúa Manuel Azaña.
Tras Os Rosales, o ‘Barrio a barrio’ chegará a Labañou e a súa contorna
A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, recalcou hoxe que «os traballos iranse executando ampliando o radio de acción de forma progresiva cara aos barrios lindeiros». «O obxectivo» -destacou- «é que esta medida teña unha continuidade no tempo e tamén unha folla de ruta precisa á hora de facilitar o desenvolvemento dos traballos, polo que se apostou por un formato no que o plan pase dun barrio a outro lindeiro».
Por iso, tras as xornadas planificadas nos Rosales, o ‘Barrio a barrio’ pasará a activarse de forma progresiva entre Labañou, o polígono de Náutica e a contorna de Riazor: desde as rúas interiores existentes entre Gerardo Porto, Manuel Azaña e a rolda de Outeiro, pasando a Manuel Murguía e o paseo de Rolda, as rúas de San Roque, a avenida Gran Canaria e as rúas perpendiculares á mesma, e tamén a avenida de Labañou e a súa contorna.
Traballarase de luns a venres, coa previsión de que a intervención remate a mediados de marzo. Xa a continuación, o ‘Barrio a barrio’ avanzará, de forma paulatina, cara os barrios da Agra do Orzán, O Ventorrillo e a Sagrada Familia, enclaves nos que tamén se executarán medidas de limpeza intensiva dos espazos públicos con plans de traballo mensuais.