Este xoves ás 19:00 horas as investigadoras Ana Dorotea Tarrío Tobar, docente da Área de Matemática Aplicada; e María José Souto Salorio, da Área de Álxebra da Universidade da Coruña, presentarán no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña a súa publicación sobre a matemática coruñesa María Wonenburger
A obra leva por título “María Wonenburguer. La Atrevida matemática a la que nuestro país dio dos veces la espalda”, esta editada por Next Door Publishers e conta con prólogo da matemática e divulgadora científica española Marta Macho Stadler, profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco. O libro expón nun formato ameno os obstáculos que a brillante protagonista tivo que superar, e estuda a extensa carreira que desenvolveu no estranxeiro, converténdoa nun referente en álxebra a nivel mundial.
Durante o acto de presentación, as dúas autoras manterán un diálogo xunto co biólogo e divulgador Xosé Antón Fraga sobre a figura da matemática, primeira científica Honoris Causa da Universidade da Coruña no ano 2010.
Wonenburguer (1927-2014) foi unha experta na teoría de Grupos Clásicos e en Álxebras de Clifford. Converteuse na primeira muller española en recibir unha bolsa Fullbright, coa que se doutorou no ano 1957. Desenvolveu a súa carreira investigadora maiormente en Estados Unidos e Canadá, regresando a España no ano 1983 por motivos familiares e permanecendo afastada do mundo académico. Nomeada socia de honra da Real Sociedade Matemática Española (RSME) en 2007, foi recoñecida como a inspiradora da Teoría de Kac-Moody, da tese do seu primeiro alumno, o célebre matemático Robert Moody.
O evento, dirixido ao público en xeral, é de carácter aberto e gratuíto ata completar aforo.