No medio do horror, a solidariedade e a traxedia, tamén comezan a aflorar as respostas aos porqués, que como tantas veces apuntan á codicia e un xeito de facer as cousas que só repara no beneficio propio, algo tan español como a paella, por outra parte. O incendio dun edificio en Valencia que vén de arder na totalidade dos seus catorce andares, que conta con vítimas mortais e desaparecidos, pon de novo de actualidade aqueles tempos da burbulla inmobiliaria e o «todo vale» á hora de construír.
Diso terán que dar conta os seus responsables despois das investigacións pertinentes, algo que levará anos e do que quizais acabe saíndo todo o mundo impune, como temos visto tantas veces noutros casos similares porque sempre é difícil atopar culpables entre os que están moi arriba. Alén diso, o inmediato foi a actuación dun reducido operativo de bombeiros, que rápidamente se viron asistidos polos da contorna e tamén pola UME (Unidade Militar de Emerxencias) desde Madrid, un servizo que o anterior goberno da Comunitat Valenciana, aquel chamado do Botánico entre o Psoe e Compromís co apoio de Podemos, quixo emular creando a UVE (Unidade Valenciana de Emerxencias) e que onte non puido acudir ao incendio porque o novo Consell do PP e VOX foi o primeiro que tiraron abaixo nada máis chegar ao poder. Polo visto, e segundo a portavoz Ruth Merino dixo no seu día «implican un importante esfuerzo presupuestario», ademais de ser un «chiringuito» da esquerda, non coma os trescentos mil euros donados polo Vicepresidente Vicente Barrera á Fundación Toro de Lidia de Madrid, que son de primeira necesidade e unha inversión da que os valencianos sacarán sen dúbida bo proveito. A portavoz insistía en que non facía falla tanto gasto e que xa arranxarían outra cousa máis barata, porque a seguridade da cidadanía vese que é unha cuestión menor e hai que priorizar en cousas de maior enxundia como as touradas. Precisamente nestes casos é cando hai que lembrar o que fai cada quen, o que custan as decisións que se toman desde eses sillóns en edificios que nunca van arder porque non están envoltos en plástico nin serviron para especular entre xente que só quería un teiro baixo o que vivir. Os bombeiros, os taxistas, a xente de a pé ofrecendo as súas casas…..O pobo salvando ao pobo porque o resto, só se acorda de Santa Bárbara cando trona.