Nos 5,74 km de distancia desta ruta circular atópanse os restos de nove muíños de auga
No termo municipal da Laracha existen moitos espazos naturais ideais para a práctica do sendeirismo que o Concello está a acondicionar e mellorar para facilitar o seu uso e desfrute por parte da veciñanza, promover os estilos de vida saudables mediante a actividade física e tamén para potencialos como un recurso turístico de alto valor.
Agora vense de dar un novo paso coa homologación oficial por parte da Federación Galega de Montañismo dun deses sendeiros, As pegadas do río Bradoso, que discorre nese entorno fluvial da parroquia de Montemaior.
Precisamente con ese obxectivo o Concello integrou ao longo desa ruta unha infraestrutura para poñer de relevancia a importancia paisaxística, natural e histórica dos seus elementos máis destacados e ofrecer información de interese aos sendeiristas. Fíxose mediante un amplo e completo proxecto de sinalización que incluíu a instalación dun panel informativo en soporte natural no punto de inicio e fin e dunha trintena de postes baixos e frechas indicadoras.
A ruta é circular e alcanza os 5,74 km de distancia total máis unha variante de 0,55 km, cun ascenso acumulado de 153 metros e un desnivel de 199 metros. Comeza xunto ao centro sociocultural de Cumiáns, a escasos metros do camiño polo que se descende ao río, e destaca pola variedade de especies de flora de bosque de ribeira autóctono e a riqueza etnográfica que presenta ao concentrarse neste tramo os restos de nove dos dezaseis muíños de auga que existen no Bradoso ao seu paso polo termo municipal da Laracha, sendo os máis destacados os do Gallardo, Baldomir e O Lorteiro.
Segundo o sistema da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME), o nivel de dificultade do sendeiro e 2 e o tempo total estimado para completa a ruta, de 1 hora e 55 minutos.
O Concello xa está a analizar e estudar máis espazos do termo municipal susceptibles de ser homologados para levar a cabo iniciativas de similares características noutros puntos do termo municipal.