Actualizadas as zonas demarcadas en Galicia pola praga de corentena couza guatemalteca da pataca

por Redacción Galicia

Levántase a prohibición do cultivo da pataca nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro), no concello de Arteixo; na parroquia de Caión (Santa María do Socorro) na Laracha; e na totalidade do municipio lucense de Burela

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena “Tecia solanivora povolny”, ou couza guatemalteca da pataca, na comunidade autónoma de Galicia.  

Mediante esta resolución, a Xunta levanta formalmente a prohibición do cultivo de pataca -medida que se mantiña para evitar a expansión da couza deste tubérculo- nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro) en Arteixo; e na parroquia de Caión (Santa María do Socorro) na Laracha, tamén na provincia da Coruña; así como na totalidade do concello lucense de Burela.

Ademais, declara como novas zonas infestada as parroquias de Abegondo (Santaia), Cabanas (San Xián), Figueroa (San Miguel) e Sarandós (Santa María de Sarandós), no concello de Abegondo; as parroquias de Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo), no concello de Carral; e as parroquias de Barallobre (Santiago) e Maniños (San Salvador), no concello de Fene.

Ao tempo, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias coruñesas de A Pedra (Santa María), no concello de Cariño, e San Xurxo de Moeche, en Moeche. En Lugo, a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo.

Polo tanto, son zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo-, na provincia da Coruña, as parroquias de Cerneda (San Salvador), Folgoso (Santa Dorotea), Mabegondo (San Tirso), Meangos (Santiago), Montouto (Santa Cristina), e Viós (San Salvador), no concello de Abegondo; a parroquia das Somozas (Santiago Seré), no concello homónimo; Laraxe (San Mamede), en Cabanas; Vigo (Santa María), en Cambre; Cariño (San Bartolomeu), Landoi (Santiago) e Sismundi (Santo Estevo), en Cariño; as parroquias de Beira (Santa Mariña), Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), en Carral; Régoa (Santa María), en Cedeira; As Encrobas (San Román), en Cerceda; Castelo (Santiago), en Culleredo.

Tamén son zonas tampón as parroquias de Limodre (Santa Eulalia), Magalofes (San Xurxo), e Perlío (Santo Estevo), no concello de Fene; Labecengos (Santa María), San Xoán de Moeche (San Xoán) e Santa Cruz de Moeche (Santa Cruz), no concello de Moeche; as parroquias de Franza (Santiago) e Piñeiro (San Xoán), no concello de Mugardos; e as parroquias de Ferreira (San Paio) e Lamas (San Xiao), en San Sadurniño.  

E na provincia de Lugo, son zonas tampón as parroquias de San Xusto de Cabarcos, no concello de Barreiros; Santo Tomé de Lourenzá e Santo Adrao de Lourenzá, en Lourenzá; A Fórnea, A Valboa (Santa María Madanela), Sante (San Xiao), Vidal (San Mateo) e Vilapena (Santiago), no concello de Trabada.  

Todas as zonas tampón declaradas con anterioridade e non incluídas na presente resolución pasan a ser zonas libres.  

Medidas nas zonas infestadas

Os agricultores das novas zonas infestadas deberán declarar as existencias de pataca almacenada na oficina rural máis próxima, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada) utilizando o código de procedemento MR465B. O prazo para presentar esta declaración será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución (26 de marzo de 2024).

A pataca almacenada será retirada polos servizos oficiais para proceder á súa destrución. Posteriormente, os titulares deberán desinsectar o solo, as paredes e o teito da zona onde estivera almacenada. 

En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona. 

Medidas nas zonas tampón

En todas as zonas tampón declaradas, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. Esta declaración poderá presentarse nos mesmos lugares que os indicados para a declaración de existencias ou a través da sede electrónica utilizando o código de procedemento MR465C. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Evolución

A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación.  

Na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo -a través da rede de monitorización da Xunta,  que conta con 2.100 trampas no territorio para realizar análises sistemáticos- mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación. En varias zonas demarcadas non se detectou a presencia deste organismo durante dous anos, o que fai posible o levantamento das medidas fitosanitarias de erradicación. Neste sentido, cómpre lembrar que todos os produtores das novas zonas declaradas como infestadas que teñan que destruír ou arrancar patacas poderán solicitar a correspondente indemnización, a través dunha liña de axudas que sairá nas vindeiras semanas. 

No 2019, momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegaron a estar infestados 35 concellos. No período 2017-2023, a Xunta investiu 5,2 millóns de euros no Plan de choque contra a couza guatemalteca da pataca.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario