O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou hoxe que Alcoa debe aclarar “como inflúe no futuro da planta de San Cibrao a súa adquisición de Alumina Limited”, propietaria do 40 % das instalacións lucenses. Formoso lembrou que con este movemento a firma estadounidense terá o control total sobre o complexo da Mariña, o que implica tamén unha capacidade exclusiva de decisión.
Por ese motivo, considera necesario que o Ministerio de Industria convoque a reunión da comisión de seguimento que está pendente dende o pasado 26 de xaneiro. “A propiedade debe explicar se a adquisición é positiva para a planta de San Cibrao ou, pola contra, debemos estar alerta”, explicou o secretario xeral socialista, que fixo notar que se trata dun cambio accionarial “moi relevante, xa que implica a concentración de todo o poder nas mesmas mans”.
Formoso destacou o impacto da factoría na provincia lucense, xa que representa o 30 % do seu PIB, e mostrou a súa preocupación pola repercusión que calquera movemento podería ter tamén no emprego da Mariña, “onde centos de traballadores dependen da actividade desas instalacións”, especialmente os das empresas auxiliares.