O alumnado do IES Rafael Puga Ramón da Deputación iniciou unha campaña de sensibilización social contra o vandalismo

por Redacción A Coruña

O instituto, dependente da Deputación, é un dos dez centros educativos de Galicia que participan nun proxecto pioneiro promovido pola Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social

Alumnas e alumnos de primeiro curso da ESO do IES Rafael Puga Ramón repartiron no mercado de Elviña, da Coruña, trípticos informativos e chapas para concienciar contra o vandalismo. A acción, na que estiveron acompañados pola deputada provincial delegada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, forma parte dunha campaña de sensibilización pioneira en Galicia na que toma parte o instituto dependente da Deputación.

A Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES) son as promotoras dun programa no que participan dez centros educativos da comunidade e que está destinada a alumnas e alumnos de sexto curso de primaria e primeiro de secundaria. Os estudantes, que contaron co apoio do profesorado e as familias, fixeron un traballo de investigación e reflexión acerca da problemática do vandalismo e, co aprendido, puxeron en marcha unha acción de servizo á comunidade.

Na fase final do proxecto, as alumnas e os alumnos participantes decidiron iniciar hoxe no Mercado de Elviña o reparto dos materiais elaborados por eles mesmos, co fin de sensibilizar e informar acerca de aspectos tales como que se entende por vandalismo, a tipoloxía do problema, as causas, as consecuencias e as posibles solucións. Así, durante a mañá de hoxe, distribuíronos entre as persoas que facían a compra no mercado, como tamén entre as praceiras e os praceiros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario