O PP de Monforte apremia ao goberno local a arranxar varias vías sen ter que agardar ao verán

por Redacción Lugo

O PP de Monforte acadou no pleno de febreiro o compromiso do goberno local para acometer o arranxo de varias vías do municipio que precisan dunha intervención urxente, pero apremian a que estas actuacións se fagan cantos antes sen ter que esperar ata o verán como indican dende o goberno de José Tomé.

A voceira popular, Katy Varela, explica que “somos conscientes de que cando chove hai actuacións de arranxo de rúas e estradas que non se poden realizar, pero non vemos necesario ter que agardar ao verán para poder realizar estas intervencións”.

Unha das actuacións ás que se comprometeu o goberno local é o arranxo do firme da rúa Montepando, “unha reclamación que realizamos en numerosas ocasións é que por fin conseguiu o compromiso do goberno local”.

A outra intervención é na estrada que une as parroquias de Sindrán e Chávaga, que se atopan nun estado lamentable, chea de fochancas e totalmente intransitable.

“Ao igual que Tomé inviste miles de euros cada ano en asfaltar as mesmas rúas, estradas e camiños, dende o PP de Monforte recordámoslle que hai moitas outras rúas e estradas que precisan dun arranxo urxente”, rematou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario