Aberto o prazo para que os concellos da provincia soliciten as axudas para accións de promoción de produtos ourensáns

por Redacción Ourense

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar hoxe as bases reguladoras da convocatoria de axudas para o financiamento de accións de promoción de produtos locais de Ourense realizadas por concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes durante o ano 2024. A Deputación de Ourense, a través do Inorde, destinará nesta convocatoria un orzamento máximo de 75.000 euros para colaborar con accións de promoción que teñan por obxecto e finalidade a difusión e posta en valor de produtos propios da provincia.

Cada concello interesado presentará un único proxecto relativo a unha acción ou a un conxunto de accións promocionais dun ou de varios produtos propios. En todo caso, só poderán ser obxecto de subvención aqueles cuxo orzamento sexa, como mínimo, de 6.000 euros. A contía da axuda pode alcanzar ata o 50% do custe total de cada proxecto para os concellos de 5.000 ou máis habitantes e do 70% para os municipios de menos de 5.000 habitantes, en todo caso, a axuda non poderá ser superior aos 12.000 euros.

Os interesados en solicitar ditas axudas poden presentar a súa solicitude ata o 10 de abril de 2024. As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade interesada, serán dirixidas á Presidencia do Inorde, presentaranse de forma telemática, a través do Rexistro Xeral da sede electrónica da Deputación de Ourense, (https://sede.depourense.es/), dentro do catálogo de trámites do rexistro electrónico, no que se utilizará o trámite denominado “solicitude de propósito xeral”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario