O portavoz, Antonio Ameijide, considera “curioso” que “a limitación do aforo a 26 persoas aparecera para este último pleno” e, polo tanto, quere saber “se ata o momento o goberno provincial estaba incumprindo as medidas de seguridade e se a toma de posesión de Tomé foi unha temeridade poñendo en risco a varios centos de persoas ou como ían a adular ao presidente non pasaba nada”
Os deputados populares esixen ao goberno provincial a documentación que determina o aforo máximo do salón de plenos do Pazo de San Marcos ante a limitación do aforo a 26 persoas durante a sesión plenaria deste mes de febreiro. De feito, veñen de solicitar formalmente acceso e copia do plan de seguridade do Pazo Provincial de San Marcos coa indicación do aforo máximo autorizado.
O portavoz, Antonio Ameijide, considera “curioso” que “esta limitación aparecera neste último pleno”. Nese sentido, pregúntase “como xustifica a presenza de numeroso público no pleno de toma de posesión do presidente Tomé, de ser esa a cifra de aforo máximo. E se vai manter este criterio ou se o aforo non estará limitado nos casos nos que ao equipo de goberno lle interese”. Así mesmo, tamén quere saber se entón ata o pleno anterior -no que puido acceder ao piso superior do salón de plenos unha maior cantidade de xente- o goberno provincial estaba incumprindo as medidas de seguridade” e “se entón a toma de posesión de Tomé foi unha temeridade poñendo en risco a varios centos de persoas ou como ían a adular ao presidente non pasaba nada”.
O acontecido no último pleno da Deputación de Lugo “é un atropelo aos dereitos dos cidadáns” tendo en conta que “estas sesións son públicas” e, polo tanto, os veciños e veciñas de Becerreá e a directiva e voluntarios da Protectora de Lugo que querían presenciar o debate “tiñan todo o seu dereito”. Se, ademais, se ten en conta que “as persoas que quedaron fóra do Pazo de San Marcos eran persoas maiores, máis vergoña lle tiña que dar ao goberno provincial deixalos fóra”.
Ameijide incide en que “Tomé xa non só quere estar illado dos lucenses, evitar que o público fale no pleno e que, incluso, asistan para velo en directo; senón que pretende que nin sequera presencien o seu posicionamento e o do seu grupo sobre certos temas. Non é que non queira escoitar, senón que tampouco quere que o escoiten a el. Este ocultismo evidencia que PSOE e BNG se avergoñan das súas posicións políticas e non queren que os lucenses vexan a realidade provincial en directo”, subliña.
Redución de asentos e sen unha alternativa
O popular lembra que, ademais de limitar o aforo ao público, “foron retiradas sillas do espazo reservado para o público na parte superior do salón de plenos e acumuladas nos pasillos ocupando un espazo que non corresponde e dando unha pésima imaxe das instalacións da Deputación Provincial”. Igualmente, “desapareceron do salón de plenos tamén boa parte das sillas das que dispoñía na planta de abaixo” na zona posterior á que ocupan os deputados durante as sesións. Á vista da acumulación de sillas, pregúntase “se esa decisión tamén tiña como obxectivo garantir a seguridade dos usuarios das instalacións da Deputación de Lugo”.
O portavoz condena “as formas do goberno provincial e o seu presidente” porque “a intención de limitar o aforo ao público foi máis alá: antes de que os veciños e veciñas quixeran acceder ao Pazo de San Marcos, xa estaban boa parte das sillas ocupadas por persoal que presta servizo nos diferentes departamentos da Deputación e que é afín ao goberno provincial”.
Ameijide apunta que durante a pandemia se habilitaba o salón de plenos para que o público interesado puidera seguir o pleno a través dunha pantalla evitando a acumulación de persoas no salón de plenos; “pero neste caso nin iso: non lles servía con evitar compartir o mesmo espazo co público, senón que directamente o presidente vetou a entrada a todo o edificio de moitos veciños e veciñas que querían asistir ao pleno. O goberno provincial non amosou ningunha intención de ofrecer algunha alternativa aos veciños e veciñas que quedaron fóra”.
“Todo isto non fai máis que reflectir o uso sectario e partidista que fai Tomé e o goberno de PSOE e BNG da Deputación de Lugo”, subliña ao tempo que define esta situación como “histórica nesta institución e protagonizada por un presidente socialista”.
Posicionamento do BNG
Ante o silencio do BNG, o popular pregunta aos deputados nacionalistas se están de acordo coa decisión do presidente que supón “pisar os dereitos dos veciños e veciñas que queiran asistir aos plenos da Deputación de Lugo que son públicos”.