Boa tarde de baloncesto no Carregal malia as inclemencias meteorolóxicas. Visitaba a pista betanceira o Sigaltec Vilagarcía, un dos equipos que mellor sabor de boca deixou na 1ª División Nacional durante a primeira fase de liga, e o reclamo do conxunto visitante, unido aos numerosos seareiros que se desprazaron dende a cidade aurosá, tinxiron de calidez as bancadas do municipal. Sobre a pista, un ritmo que xa se adiviñaba difícil de manter durante todo o partido: 27-22 no primeiro cuarto e un acerto en tiro exterior pouco habitual esta temporada (40% o Santo ao remate do encontro). O Sigaltec quería xogar as súas bazas, pero os de casa esconxuraron a racha de tres triplas consecutivas dos rivais para ir ao descanso con 16 puntos de vantaxe (55-39) con bos minutos corais. Á volta, máis do mesmo: os vilagarciáns queimando os seus “cartuchos” cun parcial de 0-9 e o Ineltrón Santo Domingo recompoñendo esquemas para acabar o 3Q 67-54 e situarse no camiño desa vintena de puntos de avantaxe coa que saldou o encontro.
Bo partido do júnior Ernest e do incombustible Rozas na pintura (aos que hai que sumar un eficiente Latas) e bos números de Dani Martín, que volveu situarse como máximo anotador do partido cun 75% en tiro exterior; boa dirección de Abelleira e Dani Cayado nos minutos que alternaron en pista e feliz reincorporación de Will á faceta anotadora; bo xogo coral, en suma, no que vén sendo a 17ª vitoria do Santo en 17 partidos, un conxunto que, malia as lesións, segue situando en pista equipos ben solventes.
Próxima parada, Noia a semana vindeira.
Ineltrón Santo Domingo Betanzos 89: Will Pereiro 9, Abelleira 10, Sanjurjo 7, Dani Cayado 5, Jorge Cayado, Dani Martín 17, Cardalda 2, Miguel Latas 13, Rozas 15, Ernest 7, Brezo 4.
Sigaltec 70: Álvaro Rodríguez, Martín Chorén 16, Raul Santorum 14, Pérez-Lafuente, Gustavo Andújar 6, Alejandro Sayáns, Oscar Castaño 3, Pablo Fernández Carballo 4, Pedro Sabugueiro 3, Dani Rey, Luis Enrique Guerra Rubianes 16, Jorge Touza.