A organización moza presentou hoxe a súa campaña de cara o 8M, a cal desafía os estereotipos de xénero laborais, visibilizando o talento e a capacidade das mulleres como líderes, e rexeitando a masculinización das profesións
As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) presentou hoxe a súa campaña de cara o 8M, a cal desafía os estereotipos de xénero laborais, visibilizando o talento e a capacidade das mulleres como líderes, e rexeitando a masculinización das profesións.
“Influencer? Son feminista” é unha campaña que trata de darlle protagonismo á dificultade que a día de hoxe teñen as mulleres no ámbito laboral e o pouco
recoñecemento que ten o seu esforzo diario. Os micromachismos nos procesos de contratación, a conciliación laboral, a discriminación salarial…son barreiras que seguen presentes xunto coa estereotipificación das propias profesións.
“Unha muller xuíz, enxeñeira, mariscadora ou empresaria, pero tamén hostaleira, caixeira, repoñedora…todas elas derruban as barreiras que limitan o potencial das mulleres e constrúen un mundo onde o liderado é verdadeiramente inclusivo e diverso”, sinala Jimena Sierra, responsable de igualdade na organización.
A moza socialista lembrou que “só en Galicia a fenda salarial é de 5000 euros segundo a UGT. É tempo de recoñecer a loita histórica de moitas ‘influencers’ do cotiá, referentes no seu ámbito para todas e todos”.
A responsable tamén recalcou a necesidade de organizarse colectivamente como “rede social” para evitar que retrocesos no “camiño no empoderamento feminino” e seguir afianzando dereitos.
Pola súa banda, Xurxo Doval, secretario xeral de XSG, fixo un chamamento “para saír ás rúas este 8M, e a ser autocríticos coa nosa acción como aliados feministas. O noso compromiso non pode esconder a loita e a reivindicación das nosas compañeiras”.