Galicia se sitúa na vangarda da descarbonización do transporte marítimo

por Redacción Galicia

A planta de Nervión nas Somozas exportará a tecnoloxía de propulsión asistida polo vento ao resto do mundo, avanzando en eficiencia e sustentabilidade

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que proxectos como o de Nervión Naval Offshore e Bar Technologies para a fabricación do sistema de velas ríxidas WindWings sitúan a Galicia na vangarda da descarbonización do transporte marítimo. Lorenzana, que visitou no porto exterior de Punta Langosteira o buque Pyxis Ocean, pioneiro na utilización deste sistema de propulsión asistida polo vento, destacou a importancia de que unha planta galega como a de Nervión nas Somozas exporte esta tecnoloxía “con moitas oportunidades de negocio e de fabricación en Galicia”. 

Bar Technologies, líder en propulsión eólica e innovadora consultora de enxeñería mariña, asinou un acordo de colaboración con Nervión Naval Offshore, do Grupo Amper, especializada en plataformas eólicas mariñas flotantes, para xestionar e supervisar integramente a produción dos WindWings de Bar Technologies en Europa. Este acordo é o primeiro de fabricación para Bar Technologies fóra de China.

A responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego sinalou que esta iniciativa, plenamente aliñada cos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia, é unha clara aposta pola descarbonización e a eficiencia enerxética do transporte marítimo na que se debe seguir traballando. Neste sentido, subliñou o apoio da Xunta “aos novos proxectos industriais a través da súa aceleración, desburocratización e financiamento, para converter Galicia nun territorio favorable ás enerxías renovables pero tamén a un desenvolvemento industrial que garanta a estabilidade económica galega”.

Durante a visita, a conselleira felicitou a Nervión e ao Grupo Nogar por apostar por este proxecto pioneiro, que implica un aforro de aproximadamente 1,5 toneladas de combustible ao día aproveitando a forza do vento nas rutas mundiais medias, cun deseño cun enfoque nos baixos custos operativos e un mantemento reducido. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario