Rubén Arroxo: “O bus urbano comeza o 2024 batindo os récords históricos”

por Redacción Lugo

Os meses de xaneiro e febreiro de 2024 foron os meses con máis usuarios desde que se rexistran datos, con 182.518 usuarios en xaneiro e 180.072 en febreiro

O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade no Concello de lUGO, Rubén Arroxo, presentou os datos de usuarios do bus urbano dos primeiros meses de 2024. Arroxo afirmou que «os dous primeiros meses do ano están a colocarse como os mellores xaneiro e febreiro desde que se rexistran os datos de usuarios do transporte público municipal», e engadiu «nos últimos meses continuamos a aumentar o número de usuarios, o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o bus».
O mes de xaneiro de 2024 é o mellor xaneiro contou con 182.518 usuarios, sendo só superado polo mes de xaneiro de 2019, mentres que febreiro, con 180.072 usuarios, é o mellor mes de febreiro desde que se toman datos, e sobe en máis de 31.000 a marca de 2023, cando se rexistraron 148.736.

O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.

Coas novas liñas, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a  30 minutos de frecuencia.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.

«Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%». O Tenente Alcalde anunciou que «máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema».

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario