O vindeiro luns asinarase a acta de replanteo e comezarán as obras que inclúen a reparación nun cubo e dun lenzo da muralla así como a revisión de pavimento, a reposición de luminarias e a limpeza da vexetación
Esta mañá a voceira do Grupo Popular, Elena Candia e o concelleiro Agustín Gallego visitaban xunto con representantes da Xunta (a Directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, así como con Javier Arias) os cubos onde se van levar a cabo traballos de restauración e conservación. Trátase do cubo XVIII e do lenzo do cubo LXXI cuxa acta de recepción se asinará o vindeiro luns.
As melloras desta intervención, que forman parte do Plan de conservación e xestión da Muralla, tamén inclúen e revisión do pavimento, a reposición das luminarias así como a limpeza a man da vexetación, tanto do adarve como da parte exterior do monumento. O prazo de execución desta intervención son de 12 meses.
O Grupo Municipal explica que “valorar e coidar o noso patrimonio é esencial para preservar a identidade da historia de Lugo” facendo un chamamento á cidadanía para manter en bo estado a Muralla “temos o privilexio de contar cun monumento recoñecido pola UNESCO como patrimonio da humanidade e polo tanto é responsabilidade de todos os lucenses contribuír no seu coidado”